- Se se considerase o feito de ‘tirar a comida’ coma se se tratase dun país, estariamos a falar do terceiro emisor máis grande de gases de efecto invernadoiro, só por detrás de Estados Unidos e China.
- En España acabaron no lixo, en 2019, 1.352 millóns de quilos de comida e bebida, sendo os produtos frescos os que lideran a relación de artigos desbotados.
- A tecnoloxía pode ser unha gran aliada para evitar o desperdicio alimentario e, xa que logo, reducir o impacto medioambiental. Existen aplicacións encargadas de dar unha segunda oportunidade ao excedente dos comercios a un prezo reducido.
Cerceda, a 23 de novembro de 2020.- Un dos factores que máis afecta ao ecosistema desde o punto de vista medioambiental é o malgaste alimentario. Se se considerase o feito de ‘tirar a comida’ coma se se tratase dun país, estariamos a falar do terceiro emisor máis grande de gases de efecto invernadoiro, só por detrás de Estados Unidos e China.
A produción de alimentos é a principal fonte de gases de efecto invernadoiro á atmosfera, xa que a agricultura e a gandeiría xeran máis do 20 % das emisións de CO2 do planeta, por riba da industria e o transporte. É por isto que, cada vez que se desperdicia un produto alimentario, obstaculízase a loita contra o quecemento global.
Malia isto, no noso país aínda non hai conciencia sobre a necesidade de diminuír o malgaste alimentario. En 2019 acabaron no lixo 1.352 millóns de quilos de comida e bebida, sendo os produtos frescos os que lideran a relación de artigos desbotados. De feito, as froitas representaron o 30,8% do volume total de alimentos despilfarrados, seguidas polas verduras e as hortalizas, cun 13,5%, e os lácteos, cun 12,6%,
Os fogares con persoas de menos de 50 anos e as parellas con fillos foron os que máis malgastaron produtos sen telos usado. Un fenómeno que, por zonas, tivo máis incidencia na Comunitat Valenciana e na área metropolitana de Madrid.
Mudar a tendencia do malgaste alimentario require introducir cambios nos nosos hábitos diarios. Por exemplo, planificar o menú semanal, gardar as sobras, tanto na casa como cando se vai ao restaurante, para consumilas noutro momento e seguir a regra do que, en inglés, se denomina FIFO (First in first out ) dando preferencia aos artigos perecedeiros.
A día de hoxe, a tecnoloxía pode ser unha gran aliada para evitar o malgaste alimentario e, xa que logo, reducir o impacto medioambiental. Existen aplicacións encargadas de dar unha segunda oportunidade ao excedente dos comercios a un prezo reducido. É o caso Phenix ou Too Good To Go.
Fonte: iambiente
Imaxe: Pixabay