- A empresa pública remitirá ao ente supramunicipal un total de 90 composteiros a repartir entre os tres municipios que a conforman, isto é, Cualedro, Laza e Monterrei, así coma outros tantos manuais didácticos
- O obxectivo é que, con esta iniciativa, os concellos obteñan beneficios ambientais e sociais, e diminúan a cantidade de residuos a remitir a Sogama a través do contedor xenérico, reducindo así custos
Cerceda, a 30 de outubro de 2024.- A Mancomunidade de Verín, conformada polos concellos ourensáns de Cualedro, Laza e Monterrei, reforza o seu programa de compostaxe doméstica co apoio de Sogama, quen enviará ao ente supramunicipal 90 composteiros para distribuír entre outras tantas familias dos tres municipios. O obxectivo é recuperar a cultura da autoxestión da materia orgánica, pero dunha forma máis moderna, cómoda e eficiente.
Nunha clara aposta pola sostibilidade, os composteiros, con capacidade para 400 litros, están fabricados con materiais reciclados e reciclables ao final da súa vida útil. Deben colocarse no exterior das vivendas, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descomponedores, correspondendo aos usuarios o control de todo o proceso, é dicir, realizar unha correcta mestura entre fracción húmida e seca, removela de cando en vez para aireala e estar atentos a parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade. Desta supervisión dependerá en boa medida o resultado final, é dicir, un compost de alta calidade que cumpra con todos os requisitos esixidos pola normativa vixente e que, por tanto, poida ser aplicado ao chan con garantías e sen restricións.
Así mesmo, Sogama remitiu á Mancomunidade manuais didácticos de autocompostaxe para que sexan entregados aos participantes e lles sirvan de guía durante toda a operativa. Nos mesmos explícase cal é o lugar idóneo no que emprazar o composteiros e que residuos deben, e non deben, depositarse no mesmo, dando resposta tamén ás preguntas máis frecuentes e resolvendo os erros máis comúns.
Beneficios
A autoxestión da materia orgánica conta cunha gran tradición no medio rural, onde se veñen segregando os restos de comidas domésticas para alimentar ao gando e/ou elaborar compost. Recuperar esta práctica trae consigo importantes beneficios ambientais, económicos e sociais, xa que o 37% da composición dunha bolsa de lixo tipo, que é materia orgánica, valorízase no propio fogar, evitando o seu depósito en contedor. Desta forma, pode verse reducida a frecuencia de recollida de residuos por parte dos servizos municipais e, polo tanto, as emisións de CO2 á atmosfera, así como as cantidades de refugallos que deben recibir tratamento finalista en Sogama, diminuíndo os custos económicos para os concellos.
A día de hoxe, un total de 103 entidades ourensás están adscritas ao programa de compostaxe doméstica de Sogama (83 concellos e 20 centros educativos), tendo distribuído entre as mesmas, e de forma gratuíta, 3.700 composteiros.
Saúdos, Departamento de Comunicación