- A pretensión desta iniciativa, que se enmarca no Plan de Prevención de Residuos do Maresme, é dotar a estes sectores de recursos e coñecementos para que poidan reducir o impacto dos residuos de alimentos
Cerceda, a 4 de abril de 2024.- Maresme Circular, un proxecto do Consorcio de Residuos do Maresme, publicou un “Manual para a prevención do desperdicio alimentario no sector da restauración e os comedores escolares”, coa pretensión de dotalos de recursos e coñecementos para que poidan reducir o impacto dos residuos de alimentos.
A iniciativa, que se leva a cabo da man de Rezero, enmárcase no Plan de Prevención de Residuos do Maresme, cuxo obxectivo é reducir nun 26,4 % a xeración de residuos para 2027, tomando como referencia o ano 2010.
E é que, a partir deste primeiro semestre, entrará en vigor a normativa que obriga a que os restaurantes de máis de 10 traballadores dispoñan dun plan contra o desperdicio alimentario. Neste sentido, o manual quere ser unha ferramenta ao servizo de restaurantes e comedores escolares, xa que, ademais de sensibilizar sobre a importancia de poñer en valor os alimentos, detalla o marco normativo vixente e achega exemplos de boas prácticas para evitar o desperdicio alimentario na comarca.
O documento presentouse en Mataró, na FAGEM (Federación de Asociacións e Gremios Empresariais do Maresme), nunha xornada de formación dirixida ao sector da restauración e organizada conxuntamente co Consorcio de Promoción Turística do Maresme e o Gremio de Hostalería e Turismo de Mataró e o Maresme.
Fonte e imaxe: Maresme Circular