- Serán entregados esta mesma tarde na Casa da Cultura municipal nun acto ao que asistirá o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, e ao que seguirá un curso de formación presencial impartido por técnicos ao servizo desta entidade pública.
- Con esta nova partida, suman 227 os recipientes aportados pola Sociedade Galega do Medio Ambiente ao municipio pontevedrés.
- Os 100 primeiros foron entregados no ano 2018, sendo distribuídos polo concello a través da Asociación de Veciños Pardavila.
- Tralo éxito colleitado, o ente local quere seguir dando pasos cara á reciclaxe da materia orgánica nun marco de economía circular.
Cerceda, a 10 de febreiro de 2020.- Tras adherirse ao programa de compostaxe doméstica de Sogama no ano 2018, o concello de Marín (Pontevedra) decidiu reforzar esta iniciativa con 127 novos composteiros cedidos por esta empresa pública. Serán entregados esta mesma tarde, nun acto que se desenvolverá na Casa da Cultura municipal e ao que asistirá o seu presidente, Javier Domínguez Lino. Acto seguido impartirase un curso de formación presencial impartido por técnicos desta empresa pública para que os veciños adscritos a esta iniciativa coñezan os detalles da autocompostaxe e liquiden todas as súas dúbidas.
Os recipientes, con capacidade para 400 litros, están fabricados con materiais reciclados e reciclables ao final da súa vida útil.
Con esta partida, xa suman 227 os composteiros entregados por Sogama neste municipio. Os 100 primeiros foron repartidos fai dous anos polo ente local a través da Asociación Veciñal de Pardavila e, tralos exitosos resultados alcanzados, solicitou de novo o apoio de Sogama para seguir avanzando na reciclaxe da materia orgánica en orixe.
Con este programa, o concello pretende dar novos pasos cara a unha xestión máis sostible dos residuos nun marco de economía circular, dado que os seus beneficios son múltiples. Desde o punto de vista ambiental, porque a materia orgánica representa máis do 40% da composición dunha bolsa de lixo tipo e, ao recuperarse na propia vivenda, evítase o seu depósito nos contedores convencionais, podendo verse reducida a frecuencia de recollida e transporte e, polo tanto, as emisións de CO2 á atmosfera.
Adicionalmente, e ao entregar menos refugallos a Sogama, tamén se vería minorado o importe da factura que debe pagar a esta compañía, coa particularidade de que os veciños participantes teñen a oportunidade de elaborar o seu propio compost, dunha forma cómoda e hixiénica, evitando a compra de fertilizantes artificiais. Este abono natural e de alta calidade aporta nutrientes ao solo, coa particularidade de que os protexe fronte a posibles pragas e enfermidades.
A día de hoxe, 336 entidades de toda Galicia, entre concellos, centros educativos e colectivos sociais, atópanse adscritas ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, tendo repartido entre as mesmas, e de forma gratuíta, 11.500 composteiros.
Para máis información www.compostaconsogama.gal