- A entrega dos recipientes terá lugar mañá, 18 de xuño, no transcurso de dous cursos de formación que impartirán técnicos de Sogama na Casa da Cultura de Santomé.
- Durante as sesións, explicarase aos asistentes a técnica a seguir, contemplando todos os pasos, e resolveranse dúbidas.
- Os composteiros, de 390 litros de capacidade, están fabricados con materiais reciclados e reciclables e súmanse a outras partidas anteriores aportadas por Sogama, facendo un total de 427 as vivendas que participan neste programa
Cerceda, a 17 de xuño de 2020.- O concello de Marín (Pontevedra) repartirá mañá, 18 de xuño, un cento de composteiros cedidos por Sogama entre outras tantas familias que solicitaran no seu momento adscribirse a esta iniciativa.
A entrega dos mesmos terá lugar no transcurso de dous cursos de formación presenciais que impartirán técnicos de Sogama na Casa da Cultura de Santomé. Co obxectivo de dar debido cumprimento ao protocolo de prevención e seguridade enmarcado no COVID-19, empresa e concello decidiron efectuar dúas charlas a fin de que o aforo en cada unha sexa menor e se minimice desta forma calquera risco.
Durante as sesións, explicarase aos asistentes a técnica a seguir, contemplando todos os pasos: desde a propia ubicación do composteiro, que debe colocarse nunha zona sombreada e protexida, ata a relación de materiais que deben e non deben depositarse no mesmo, o control de parámetros de gran importancia tales como o osíxeno, a humidade e a temperatura, e a aplicación final do abono resultante.
Estes encontros constitúen unha magnífica ocasión para que os asistentes poidan consultar dúbidas, tendo tamén á súa disposición, como recurso adicional, o sitio web www.compostaconsogama.gal
Os composteiros, de 390 litros de capacidade, están fabricados con materiais reciclados e reciclables e súmanse a outras partidas anteriores aportadas por Sogama, facendo un total de 427 as vivendas que participan neste programa. Condición indispensable é que sexan unifamiliares e que conten con terreo (xardín, horta ou terras de cultivo) no que empregar o compost resultante, que polo xeral cumpre con todos os requisitos de calidade establecidos pola normativa vixente, actuando como un fertilizante natural que, ademais de nutrir o solo, tamén o protexe fronte a pragas e enfermidades.
O concello de Marín avanza así cara á valorización da materia orgánica en orixe, recuperando unha práctica tradicional no rural galego con grandes beneficios ambientaiss, económicos e sociais.
Neste sentido, cabe recordar que, dado que a fracción orgánica representa o 42% da composición media dunha bolsa tipo, se se recicla no propio fogar, evítase o seu depósito no contedor verde convencional, propiciando que o concello entregue menos lixo a Sogama para o seu tratamento final.
Saúdos, Departamento de Comunicación