- Usar máscara é unha responsabilidade, como tamén o é xestionala correctamente cando se converte en residuo.
- Co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Sogama lanzou unha campaña que, baixo o título “Non enmascares a túa responsabilidade: as máscaras desbotables, ao contedor da fracción resto”, explica como debe actuar o cidadán para evitar que os novos refugallos derivados do COVID-19 acaben abandonados na contorna natural.
- Recorda que os habitantes dos 295 concellos adscritos ao seu modelo deben introducir as máscaras desbotables no contedor verde xenérico para que sexan valorizadas enerxeticamente a temperaturas superiores a 850ºC.
- Recomenda, nos casos en que así sexa posible, optar polas reutilizables e asegurarse de que contan co certificado de protección correspondente.
Cerceda, a 4 de novembro de 2020.- Usar máscara é unha responsabilidade, como tamén o é xestionala correctamente cando se converte en residuo.
Sogama, co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, vén de lanzar unha campaña que, baixo o título “Non enmascares a túa responsabilidade: as máscaras desbotables, ao contedor da fracción resto”, está integrada por recursos divulgativos (vídeo, cuña e manual de boas prácticas) orientados aos cidadáns que residen nalgún dos 295 municipios adscritos ao seu sistema.
O obxectivo desta iniciativa é informar e formar á poboación sobre os efectos perniciosos que ten este refugallo cando acaba abandonado na contorna natural, xa que tarda entre 300 e 400 anos en degradarse.
No vídeo (cunha duración de 1 minuto e 45 segundos), tómanse como referencia a coñecidos superheroes de ficción (Supermán, Superwoman, Ironman, Spiderman, Batman, Lady Bug e as Tartarugas Ninja) porque facer o ben tamén implica, no marco da pandemia do COVID-19, usar máscara, seguindo as directrices das autoridades sanitarias, e depositala no contedor convencional unha vez concluida a súa vida útil. Unha alternativa máis ecolóxica son as reutilizables, se ben debe comprobarse que contan coa protección necesaria e o certificado que así o acredite.
No caso do modelo Sogama, as máscaras desbotables, ademais de luvas e toalliñas, deben introducirse, xunto cos residuos non reciclables, no contedor verde convencional a fin de que sexan valorizadas enerxeticamente a máis de 850ºC, temperatura coa que se consegue eliminar patóxenos e axentes nocivos. Así se recolle nas instrucións publicadas no seu momento polo Ministerio de Sanidade e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, onde se prioriza a valorización enerxética sobre o depósito en vertedoiro.
Pola súa banda, os botes plásticos de xel hidroalcohólico deben arroxarse ao contedor amarelo de recollida selectiva para que poidan ser reciclados e convertidos en novos produtos.
Non obstante, e máis aló do correcto uso da máscara, Sogama recorda a importancia de manter a distancia de seguridade, limitar as reunións familiares ao número de persoas indicado pola normativa en cada momento, lavar as mans con frecuencia, evitar tocarse a cara e velar en todo momento pola protección. Porque protexéndonos a nós, protexemos aos demais.
Loitar contra o COVID-19 é unha responsabilidade de todos
Ligazón campaña: http://www.sogama.gal/gl/campanha/non-enmascares-t%C3%BAa-responsabilidade-m%C3%A1scaras-desbotables-ao-contedor-da-fracci%C3%B3n-resto
Ligazón vídeo: https://vimeo.com/472616549
Saúdos, Departamento de Comunicación