- Segundo un estudo de Environmental Science & Technology, no mundo consómense aproximadamente 129.000 millóns de máscaras desbotables cada mes.
- Estes residuos deben depositarse no contedor da fracción resto, que no modelo Sogama, ao que están adscritos 295 concellos, é o verde xenérico.
- Desta forma facilítase a súa valorización enerxética a 850º C, temperatura coa que se garante a eliminación de patóxenos e outros axentes nocivos.
Cerceda, a 18 de decembro de 2020.- A situación de crise sanitaria fixo que as máscaras se teñan convertido nunha ferramenta básica da nosa vida cotiá para combater a Covid-19. O proxecto LIBERA, a través da súa campaña #NoAbandonesTusGuantesYMascarillas, tamén incide na importancia de ser extremadamente coidadosos e responsables coa xestión dos novos residuos que emerxeron no marco do coronavirus, como son as luvas e máscaras desbotables.
Segundo un estudo de Environmental Science & Technology, no mundo consómense aproximadamente 129.000 millóns de máscaras desbotables cada mes, que poden tardar ata 400 anos en descompoñerse se non se xestionan correctamente. Se a metade da poboación de España usa unha nova máscara cirúrxica cada día, consumiranse ao redor de 705 millóns por mes. Trátase dun residuo contaminante cun gran impacto ambiental e que sempre debe acabar nunha papeleira ou no contedor da fracción resto.
O abandono incontrolado deste tipo de refugallos trae consigo graves consecuencias para as contornas naturais cando non se xestionan correctamente. No caso do modelo Sogama, ao que están adscritos 295 concellos, as máscaras deben depositarse no contedor verde xenérico para que poidan valorizarse enerxeticamente no complexo medioambiental da Sociedade en Cerceda (A Coruña) a 850º C, temperatura coa que se garante a eliminación de patóxenos e outros axentes nocivos.
CONCIENCIACIÓN CONTRA O ABANDONO DE RESIDUOS
A pesar de que aínda segue habendo cidadáns que arroxan os seus residuos nas contornas naturais, os españois están cada vez máis concienciados sobre esta problemática. Así se deduce do III estudo sociolóxico sobre as “Actitudes fronte á basuraleza” que se desenvolveu desde o Proxecto LIBERA. Un 68,3% dos enquisados asegura percibirse bastante ou totalmente concienciado e cada vez son máis as persoas que comezan a ser máis proactivas. Un 47,3% asegura recoller calquera refugallo que se atopa, aínda que non sexa seu; un 33,2% chama a atención se ve a alguén que tira lixo, mentres que un 11,5% declara deixalo aí porque non é a súa responsabilidade. Vergoña, pena e rabia son os principais sentimentos que emerxen cando os cidadáns responsables e comprometidos co medio ambiente atopan lixo na natureza.
Fonte de parte da información: LIBERA
Imaxe: Pixabay