- O seu destino é a bolsa negra (fracción non reciclable) e debe ser tratada como tal. No caso de Sogama, a través da valorización enerxética a temperaturas superiores a 850ºC e con todos os requisitos ambientais.
- Mesmo destino para as toallitas húmidas, que xamais poden ser arroxadas ao inodoro debido aos atascos que provocan nas redes de alcantarillado, equipos de bombeo e depuradoras.
Cerceda, a 28 de maio de 2020.- O COVID-19 alterou as nosas vidas desde todas as frontes e tamén trouxo consigo novos residuos como son as máscaras e as luvas desbotables, que, lamentablemente, están aparecendo abandonados nas rúas e contornas naturais.
Nas instrucións ditadas no seu momento polo Ministerio de Sanidade e o Ministerio para a Transición Ecolóxica indícase que o destino destes refugallos debe ser o contedor convencional, xunto coa fracción non reciclable, e, polo tanto, deben ser tratados de igual forma que esta.
En consecuencia, os cidadáns que habiten nalgún dos 295 concellos adscritos ao modelo Sogama, deben introducir estes materiais no contedor verde xenérico, dentro dunha bolsa pechada; xamais no amarelo e tampouco en calquera outro recipiente de recollida selectiva.
Cabe recordar que as instalacións integradas no Complexo Medioambiental de Cerceda (A Coruña) están automatizadas, evitando desta forma que os operarios teñan contacto coas bolsas de lixo.
VALORIZACIÓN ENERXÉTICA A ALTAS TEMPERATURAS
A parte non reciclable do lixo, na que se integran máscaras e luvas desbotables, ademais doutros produtos tales como toallitas hixiénicas e bastoncillos de algodón, é valorizada enerxeticamente, con todos os requisitos ambientais, a temperaturas superiores a 850ºC, garantindo desta forma a destrución de patóxenos.
No caso das toallitas húmidas, é preciso ter en conta que non poden arroxarse ao inodoro, xa que, ao estar fabricadas cun textil non tecido, forman unha masa que provoca atascos nas redes do alcantarillado, equipos de bombeo e depuradoras, circunstancia que provoca problemas técnicos e encarece en boa medida o mantemento, tratamento e depuración das augas residuais.
CON RESPONSABILIDADE
Desde Sogama rógase á poboación que, ademais de ser coidadosa e responsable á hora de utilizar correctamente os elementos de protección individual, seguindo as indicacións das autoridades sanitarias en cada momento, actúe coa mesma responsabilidade á hora de desfacerse deles. Nunca ao chan, nunca ao inodoro, nunca á contorna e, por suposto, nunca a contedores que non sexa o verde convencional.
No caso de que haxa alternativas reutilizables, recoméndase optar por estas, sempre e cando aseguren as condicións de hixiene e saúde, así como a correcta desinfección antes de cada uso.
Imagen: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación