- Destácase o importante papel que pode desempeñar este sector para contribuír a manter a seguridade alimentaria e facer fronte ás emisións de gases de efecto invernadoiro, un problema no que tamén está involucrado.
- Neste sentido, o responsable Departamento de Medio Ambiente, Bioenerxía e Hixiene Industrial de AINIA, Andrés Pascual, propón dez accións concretas.
- Entre estas, realizar un aprovisionamento sostible de materias primas, reducir a pegada de carbono, implementar plans de eficiencia enerxética e integrar enerxías renovables, valorizar os residuos, optimizar a loxística e o transporte, apostar polos combustibles limpos, combater as perdas de alimentos, usar a auga de forma eficiente e impulsar a bioeconomía e a innovación no aproveitamento do CO2.
Cerceda, a 26 de decembro de 2019.- Loitar contra o cambio climático resulta unha prioridade para manter a seguridade alimentaria e evitar a escaseza de materias primas, a inestabilidade dos prezos e a calidade dos produtos que consumimos, coa particularidade de que os sistemas de produción de alimentos son, na súa maioría, grandes emisores de gases de efecto invernadoiro, polo que o sector debe ser proactivo en facer fronte a un problema que tamén contribúe a crear.
Neste escenario, o responsable do Departamento de Medio Ambiente, Bioenerxía e Hixiene Industrial de AINIA, Andrés Pascual, propón 10 medidas coas que, de forma directa ou indirecta, as industrias de alimentación e bebidas poden loitar contra o cambio climático
1. Realizar un aprovisionamento sostible de materias primas.
Seleccionar provedores que apliquen boas prácticas ambientais para subministrar materias primas cunha reducida pegada de carbono e colaborar en cadeas de subministracón baixas en carbono.
2. Reducir a pegada de carbono de produtos e actividades.
Cóntase para isto con ferramentas como a Análise de Ciclo de Vida (ACV), que permite analizar as cargas ambientais identificando e cuantificando o emprego de materiais e enerxía, ademais das emisións.
Así mesmo, o ecodeseño facilita a selección de materiais, o deseño dos envases e a optimización da cantidade de material empregado en función do alimento a envasar. Con isto, é posible diminuír a pegada de carbono e compensar emisións ata alcanzar a neutralidade en carbono
3. Implementar plans de eficiencia enerxética e integrar enerxías renovables.
Apostar pola coxeración, realizar cambios na maquinaria de maior consumo enerxético, seleccionar equipos máis eficientes enerxeticamente, aplicar as Mellores Técnicas Dispoñibles (MTDs) e priorizar os combustibles renovables (biomasa, solar fotovoltaica ou térmica, etc.) son algúns exemplos de medidas a ter en conta na definición de plans de eficiencia enerxética na empresa.
4. Valorización enerxética de residuos.
Por exemplo, instalar sistemas de dixestión anaerobia de augas residuais de alta carga orgánica, residuos orgánicos, lodos de depuración, etc. para a produción de biogás e auto-consumo en caldeiras ou motores de coxeración, obtendo así calor e electricidade renovable, ou incluso purificación a biometano e uso como biocarburante para o transporte de vehículos.
5. Optimización do transporte e loxística, e uso de combustibles limpos.
Pode contribuír á redución das emisións de gases efecto invernadoiro e se, ademais, se incrementa a eficiencia dos vehículos no uso de combustibles, o impacto veríase máis reducido.
Potenciar o uso de combustibles limpos no transporte é unha alternativa a valorar para conseguir cidades moito máis limpas e sostibles.
6. Redución de perdas e desperdicio alimentario.
Supoñen un desembolso económico e un grave problema medioambiental. As perdas e o desperdicio alimentario xeran anualmente o 8% das emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) antropoxénicas e contribúen ás emisións globais do equivalente ao 87% das emisións derivadas do transporte.
Desenvolver estratexias para alongar a vida útil dos alimentos con sistemas de envasado axeitados. Así mesmo, optimizar as cadeas de subministración a través da dixitalización, permite o control de stocks e a maior eficacia na xestión dos puntos de venda.
7. Economía circular. Cero residuos a vertedoiro.
Explotar os residuos orgánicos como materia prima para obtención de numerosos bioprodutos de interese para outros mercados representa unha vía a seguir. Tamén o é traballar en modelos eficientes no uso de recursos, e, particularmente, empregar materiais plásticos máis sostibles nos envases de alimentos e facilitar a súa reciclaxe
8. Uso eficiente da auga. Da auga residual á auga “recursal”
Aplicar conceptos de circularidade na xestión da auga na industria coa redución do seu consumo, reutilización en agricultura e outros usos, e, de forma complementaria, minimizar o consumo enerxético nos procesos de captación, uso e tratamento final da auga.
9. Bioeconomía. Alternativas de base biolóxica.
Desenvolver modelos de aproveitamento de subprodutos baseados no concepto de biorrefinería, adoptando alternativas de base biolóxica e con menor pegada de carbono a materiais e produtos químicos derivados do petróleo: bioplásticos, biocomposites, biolubricantes, biosolventes, biosurfactantes, etc.
Desde a parte agronómica, desenvolver estratexias eficientes de cultivo de plantas que empreguen biofertilizantes e/ou biofitosanitarios, obtidos en moitas ocasións aproveitando os mesmos subprodutos da industria alimentaria.
10. Innovación no aproveitamento de CO2 en tres áreas de investigación aplicada:
- Absorción de CO2 en cultivos de microalgas, as cales a súa vez poden ser empregadas como ingrediente ou fonte de proteína, así como biomasa para novos procesos fermentativos.
- Uso de CO2 como substrato de fermentación para a obtención de compostos químicos de interese.
- Uso de CO2 supercrítico como alternativa a solventes orgánicos en procesos de extracción.
Fonte: AINIA
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación