- Así se desvelou na COP25, no transcurso dunha reunión da Coalición de Ministros de Finanzas para a Acción Climática.
- O movemento financeiro sostible acelerouse durante os últimos anos, cun récord de 79 novas medidas aplicadas ou anunciadas o pasado ano.
- A base de datos é o recurso máis completo de información nesta área e inclúe instrumentos para promover a asignación de capital a sectores sostibles, a introdución de marcos para apoiar o desenvolvemento de produtos, así coma outras ferramentas para fortalecer as prácticas de xestión de riscos ambientais dentro das institucións.
Cerceda, a 7 de xaneiro de 2020.- Conforme á información desvelada na COP25, durante unha reunión da Coalición de Ministros de Finanzas para a Acción Climática, o número de políticas e normativas que apoian as finanzas verdes duplicouse desde 2015.
Unha base de datos do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente e a Plataforma de Coñecemento de Crecemento Verde (GGKP) mostra que, actualmente, están en vigor da orde de 391 medidas políticas e normativas, tanto nacionais como subnacionais, sobre finanzas verdes en todo o mundo. Esta cifra representa un incremento do 106% desde 2015 e, polo tanto, evidencia a aceleración do movemento financeiro sostible durante os últimos anos, cun récord de 79 novas medidas aplicadas ou anunciadas en 2019.
Demóstrase así o progreso en certas áreas clave tales como a divulgación da información financeira, que aglutina ao redor do 25% de todas as medidas implementadas, e as políticas que abordan cuestións como o risco climático na banca, o investimento e os seguros.
A base de datos é o recurso máis completo de información nesta área e inclúe instrumentos para promover a asignación de capital a sectores sostibles -como os incentivos fiscais-, a introdución de marcos para apoiar o desenvolvemento de produtos -por exemplo, bonos verdes-, así coma outras ferramentas para fortalecer as prácticas de xestión de riscos ambientais dentro das institucións.
Jeremy McDaniels, do Programa da ONU para o Medio Ambiente, asegurou que “A acción política e regulatoria é un impulsor clave da transición cara as finanzas verdes e sostibles. Con esta base de datos, podemos comprender as formas en que os responsables de políticas e os reguladores están a influír nas prácticas do mercado", ao que engadiu que "Este tipo de análise pode axudar ás autoridades a aprender das experiencias dos demais, aumentar a ambición e fortalecer a comprensión de como as súas accións conducen a cambios positivos".
Fonte: ONU
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación