- Así o asegura o Director Executivo da Axencia Europea de Medio Ambiente no editorial da Newsletter que este organismo publicou o pasado mes de marzo.
- Considera que aínda estamos a tempo de salvar o que nos queda e avanzar cara a un futuro máis sostible.
- Recorda que, desde a súa fundación, fai 25 anos, a AEMA tratou de conectar e desenvolver estes ámbitos para potenciar a visión global da cidadanía, xa que resulta evidente que as persoas non poden ter calidade de vida se o medio ambiente e a economía non gozan de boa saúde.
Cerceda, a 22 de abril de 2019.- Malia que as ameazas do cambio climático se cernen sobre o planeta e a humanidade, Hans Bruyninckx, Director Executivo da Axencia Europea de Medio Ambiente, considera, tal e como plasma no editorial da Newsletter deste organismo correspondente ao pasado mes de marzo, que aínda estamos a tempo de salvar o que nos queda.
Resulta evidente que o clima global está cambiando e que o principal responsable é o home. Os fenómenos meteorolóxicos extremos son cada vez máis habituais: ondas de calor e secas prolongadas, así como tormentas frecuentes e intensas.
A perda de biodiversidade tamén é unha realidade. Cada ano numerosas especies extínguense debido á destrución, fragmentación ou contaminación dos seus hábitats. O uso de plaguicidas, por exemplo, provocou que poboacións de especies polinizadoras vitais para o noso benestar, como é o caso das abellas e bolboretas, se vexan notablemente reducidas.
Pola súa banda, o sistema de produción e consumo evidenciouse como claramente insostible. O imperante modelo de economía lineal, caracterizado polas malas prácticas de usar e tirar, conduce a unha elevada xeración de residuos e a unha perda de recursos.
Ademais de todo isto, os beneficios do crecemento económico non se distribúen de forma equitativa en todo o mundo e, a menores ingresos, maior vulnerabilidade e exposición medioambiental.
Nos últimos anos, Europa aplicou políticas orientadas a combater a contaminación atmosférica e das augas, e algunhas tiveron resultados notables. Constátase que os europeos respiran un aire máis saudable, báñanse en augas máis limpas, unha parte dos residuos recíclase e xestiónase de forma sostible, as zonas terrestres e mariñas protexidas son cada vez maiores, reducíronse as emisións de gases de efecto invernadoiro en relación cos niveis de 1990 e fixéronse importantes investimentos en cidades máis habitables e en mobilidade sostible, fomentando ademais o uso das enerxías renovables.
Durante todo este tempo , quedou patente que as persoas, o medio ambiente e a economía forman parte dun mesmo sistema, e, desde a súa fundación, fai 25 anos, a Axencia Europea de Medio Ambiente tratou de conectar e desenvolver estes ámbitos para potenciar a visión global da cidadanía.
As persoas non poden ter calidade de vida se o medio ambiente e a economía non gozan de boa saúde e é por iso que a AEMA aposta por apoiar modelos de xestión ambiental sostibles e avanzar cara a unha economía baixa en carbono, facéndose necesario tamén modificar hábitos e comportamentos.
Cóntase cos coñecementos necesarios para dirixir a transición cara á sostibilidade a longo prazo. Agora é necesario actuar con responsabilidade e acelerar o cambio, tal e como manifesta Hans Bruyninckx.
Fonte: Axencia Europea de Medio Ambiente
Saúdos, Departamento de Comunicación