- Este centro celebrará o próximo xoves, 7 de febreiro, unha intensa xornada dedicada á educación ambiental na que participarán docentes doutros colexios que teñen destacado polas súas boas prácticas na materia.
- Sogama tamén foi invitada a participar neste evento e os seus educadores impartirán, en horario de mañá, senllas sesións formativas nas que se abundará no principio dos tres erres (redución, reutlización e reciclaxe), sen esquecer outras temáticas de gran interese e de plena actualidade tales como o desperdicio alimentario e a compostaxe doméstica.
Cerceda, a 5 de febreiro de 2019.- O CEIP Olveira de Ribeira (A Coruña) celebrará o vindeiro xoves, 7 de febreiro, unha xornada especial que dedicará de cheo á educación ambiental.
TOMANDO BOA NOTA
Docentes doutros centros que teñen destacado polas súas boas prácticas na protección da contorna, visitarán o colexio ribeirense para compartir as súas iniciativas e experiencias. É o caso de Gonzalo Sánchez Busóns, profesor do colexio Divina Pastora de Ourense, coordinador no mesmo do programa “Recíclate con Sogama” e líder do grupo “Os Ecovixiantes”, integrado por alumnos e alumnas cunha especial sensibilidade ambiental.
Busóns dedica boa parte da súa vida profesional e persoal a coidar a natureza. Con tal fin, organiza periodicamente batidas de recollida de residuos no campo, nas beiras dos ríos e nas propias rúas da cidade ourensá, onde se afana, xunto cos seus pupilos, en recoller as cabichas que outros tiran, un refugallo, que ademais de ensuciar a cidade, concentra un gran poder contaminante.
Equipados con pancartas, lanzan proclamas para que a veciñanza tome conciencia da necesidade de depositar os residuos nas papeleiras e contedores habilitados para tal fin.
Pero o seu labor pedagóxico non se limita ao lixo, senón que se estende a outras temáticas tales como o coidado das aves, plantas e a loita contra o cambio climático, apostando por unha vida saudable na que a bicicleta e as longas camiñatas substitúan ao coche, e o uso racional da enerxía e da auga sexa a tónica habitual de cada día.
EN CLAVE DE “R”
E, neste escenario tan prometedor, Sogama tamén foi invitada a participar no mesmo. Os seus educadores estarán no centro en horario de mañá para impartir dúas sesións formativas nas que participarán preto dun cento de alumnos e alumnas de Educación Primaria. Os tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) centrarán a atención, profundando nos xestos a levar a cabo cada día para producir menos residuos, para aproveitar ao máximo os produtos e para contribuír á reciclaxe a través da correcta selección dos refugallos en orixe e posterior depósito dos mesmos nos contedores de recollida selectiva habilitados nas vías públicas.
Falarán igualmente da problemática que representa o desperdicio alimentario, xa que cantidades inxentes de comida acaban cada día no cubo do lixo, dando lugar a un problema con negativas consecuencias desde o punto de vista ambiental, económico, social e ata moral (tiramos alimentos cando hai moitas persoas no mundo que pasan fame). Explicarán aos pequenos como facer fronte a este fenómeno cada día: comprando só o necesario, revisando a despensa e a neveira para consumir antes os artigos máis antigos; tendo clara a diferenza entre data de caducidade e data de consumo responsable (a primeira indica o momento a partir do cal o produto pode supoñer un risco para a saúde e a segunda o momento a partir do cal pode perder cualidades –olor, sabor, textura, cor-, pero sen representar unha ameaza para a saúde), facer un oco na cesta da compra para os alimentos feos, que teñen as mesmas propiedades nutritivas que os guapos, non cociñar en exceso, axustar as racións ao número de comensais, conxelar as sobras e aproveitalas para elaborar novos menús.
E, para os residuos alimentario, unha magnífica opción coa que evitar que acabe no contedor convencional é utilizalos para elaborar compost, xunto cos restos vexetais. Obtense así un abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para as plantas.
En definitiva, unha xornada prometedora e con grandes perspectivas. Desde aquí, o noso máis sincero recoñecemento á comunidade educativa do CEIP de Olveira.
Saúdos, Departamento de Comunicación