- Efectuaron unha visita ao Complexo Mediombiental de Cerceda, onde educadores especializados achegaron as oportunas explicacións sobre a correcta xestión dos residuos, tendo a oportunidade de xogar coas máquinas Arcade para pulsar os seus coñecementos sobre a recollida selectiva
Cerceda, a 26 de outubro de 2023.- Cincuenta escolares de 1º e 2º da ESO da localidade coruñesa de Dodro tiveron a oportunidade de coñecer a operativa industrial do Complexo Mediombiental Sogama en Cerceda a través dunha visita virtual con lentes inmersivas 360º.
Deste xeito, puideron comprobar a xestión que reciben os residuos que depositan no contedor amarelo, e que son separados por tipos de material nunha planta de clasificación automática para o seu posterior envío aos centros recicladores. Tamén seguiron o itinerario dos refugallos introducidos no contedor xenérico da fracción resto e comprobaron como son seleccionados con tecnoloxías de última xeración a fin de remitir os reciclables á industria transformadora, para ser convertidos en novos produtos, e transformar os non reciclables en enerxía eléctrica. Deste xeito, Sogama consegue poñer en valor, material ou enerxeticamente, os residuos que chegan ás súas instalacións, evitando, ou minimizando, a súa vertedura.
Así mesmo, estiveron atentos ás explicacións dadas polos educadores sobre o principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e a importancia de poñer en práctica un consumo responsable para aforrar custos, tanto ambientais como económicos.
Finalizada a exposición, gozaron do ansiado momento dos xogos: catro máquinas Arcade (cada unha dedicada a un tipo de contedor -amarelo, azul, xenérico e marrón-) nas que os mozos se dispuxeron por parellas para competir por grupos. Mentres un dos membros de cada parella seleccionaba os residuos para depositalos nos contedores correspondentes, o compañeiro transportábaos ata a planta de tratamento.
Se ben a atención, a axilidade cos botóns e mandos, a rapidez e os reflexos constitúen cualidades vantaxosas, o certo é que o coñecemento era o que máis puntuaba.
Despois desta clase intensiva, pediuse ao grupo que aplicase cada día o apreso e que axudase tamén nesta ardua tarefa de concienciación cidadá porque todos somos necesarios para avanzar cara a un mundo mellor.
Saúdos, Departamento de Comunicación