- Ademais dos habituais grupos escolares, cabería mencionar a Escola de Enxeñería Superior Industrial de Vigo, a Escola de Forestais de Pontevedra e o Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible, tamén da Universidade de Vigo.
- Todos eles interesáronse por coñecer os pormenores do proxecto de ampliación de Sogama e os seus beneficios: maior reciclaxe e menor vertido.
- A primeira fase da ampliación pechouse coa posta en marcha dunha nova planta para a recuperación dos materiais contidos no lixo en masa; a segunda, que contempla a remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, culminará a mediados deste ano.
Cerceda, a 16 de abril de 2019.- Malia as limitacións propias das obras que se están levando a cabo no complexo medioambiental de Cerceda, froito do proxecto de ampliación iniciado no seu momento pola Sociedade e centrado agora na remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, os colectivos sociais non queren perder a oportunidade de coñecer de preto a actividade da empresa e os pormenores do que será a Sogama do futuro.
Foron habituais as visitas de grupos escolares de primaria e secundaria, e tamén de colectivos máis específicos como é o caso do alumnado Senior da Escola de Enxeñería Superior Industrial de Vigo, a Escola de Forestais de Pontevedra e estudantes do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible, pertencente tamén á Universidade de Vigo.
A expectación en torno ao resultado final da ampliación é a tónica habitual por parte dos interesados e, a través de distintos recursos, explícaselles en que consiste esta mellora e que resultados traerá consigo.
EN CLAVE DE SOSTIBILIDADE
A primeira fase da ampliación xa se pechou en novembro de 2018 coa posta en marcha dunha nova planta para a recuperación dos materiais contidos no lixo en masa, representando todo un fito no devir histórico de Sogama.
En plena sintonía coa industria 4.0, esta instalación consegue separar de forma automática ata 11 tipoloxías de materiais, que remite aos centros recicladores para a súa conversión en novos produtos.
A previsión é que, a mediados deste mesmo ano, se culmine o proxecto de ampliación, pasando a converterse Sogama na entidade das súas características máis moderna e eficiente de Europa, ademais de punto de referencia para o resto do mundo.
Tanto é así, que Delegacións de distintas partes do mundo xa manifestaron o seu interese en visitar a nova planta, todo un exemplo de innovación tecnolóxica que permitirá á compañía tratar de forma óptima todos os residuos recepcionados na súa infraestrutura e incrementar de forma exponencial as súas taxas de reciclado, á vez que reducirá notablemente o uso do vertedoiro, pretendendo chegar en 2020 ao vertido técnico cero. Isto significa que só se verterá aquela parte do lixo que non se poida reciclar nin recuperar enerxéticamente e que vén a representar o 10%.
Saúdos, Departamento de Comunicación