- O obxectivo deste proxecto europeo é achegar a experiencia galega en xestión de residuos a outros puntos do continente e intercambiar boas prácticas ambientais
- O colectivo desprazouse á rexión do Veneto, onde estivo entre o 9 e o 16 de xullo para coñecer de preto as políticas de medio ambiente instauradas nesta área xeográfica
Cerceda, a 3 de agosto de 2022.- No marco do Proxecto europeo Erasmus+ KA122 European Next Xeración in Waste, cuxo obxectivo é achegar a experiencia galega na xestión sostible dos residuos urbanos a outros puntos do continente, representantes de Aproema (Asociación Profesional de Empresas Mediambientais de Galicia), na que se integra Sogama en calidade de socio, viaxaron a Italia, concretamente á rexión do Veneto, onde estiveron entre o 9 e o 16 de xullo, para coñecer de preto as políticas ambientais instauradas nesta área xeográfica e intercambiar boas prácticas na xestión e tratamento dos refugallos, na investigación e innovación do sector, así como na formación ambiental.
O colectivo foi recibido polo “Confartigianato Imprese Marca Trevigiana”, entidade coa que sentou as bases para unha futura colaboración ambiental que beneficie a ambas as dúa partes.
A axenda de traballo contemplou visitas ás instalacións de FIORESE GROUP SRL CONTARINA SPA, SAVNO SRL, BIOMAN SPA, CORISAC S.R.L. ECOTRASPORTI S.R. e EBS. Con este itinerario, o grupo puido tomar nota dos procesos industriais vinculados á xeración de biodiesel e bioetanol, a elaboración de compost e a recuperación de cueiros e big bags, entre outros.
SOBRE APROEMA
Creada en 1997, a Asociación Profesional de Empresas Medioambientais de Galicia é unha organización empresarial sen ánimo de lucro e de ámbito autonómico, que xorde como iniciativa dun grupo de empresarios do sector ambiental galego co fin de coordinar, defender, asesorar e representar os lexítimos dereitos dos seus asociados, erixíndose igualmente nun foro de debate aberto en defensa da contorna.
Fonte e imaxe: Aproema