- Visitaron hoxe o Complexo Medioambiental de Cerceda, onde foron atendidos e guiados polo director xeral da entidade, Isidro García Téllez.
- Tal e como explicou o directivo de Sogama, a ampliación desta infraestrutura permitirá á compañía dar cumprimento a tres obxectivos fundamentais: tratar en condicións óptimas todos os residuos, incrementar as taxas de reciclado e reducir o vertido.
- A nova planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa, concibida en liña coa industria 4.0, constitúe todo un exemplo de innovación e eficiencia.
Cerceda, a 30 de abril de 2019.- Membros do Colexio de Enxeñeiros Industriais de León visitaron hoxe o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda e fixéronno especialmente atraídos pola nova planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa.
O grupo foi atendido polo director xeral desta empresa pública, Isidro García Téllez, tamén Enxeñeiro Superior Industrial, quen se encargou de explicar o cometido da entidade e a evolución histórica desde a súa creación, deténdose no proxecto de ampliación das instalacións, que ten tres obxectivos fundamentais: tratar en condicións óptimas todos os residuos producidos polos 295 concellos adheridos ou, o que é o mesmo, por máis de 2.245.000 habitantes; incrementar as taxas de reciclado ata chegar a cuadriplicar as actuais; e reducir o uso do vertedoiro, pretendendo alcanzar en 2020 o vertido técnico cero, é dicir, que unicamente se verta aquela parte dos refugallos que non se poida reciclar nin valorizar enerxeticamente.
Con esta filosofía e esquema de funcionamento, a compañía dá resposta á xerarquía de xestión definida por Europa, contribuíndo a alcanzar os esixentes obxectivos comunitarios en materia de residuos, que perseguen altas taxas de reciclado e baixos niveis de vertido.
De feito, o Parlamento Europeo dispuxo recentemente a necesidade de que, no horizonte do ano 2035, os Estados membros limiten o vertido ao 10%, unha porcentaxe que Sogama logrará con 15 anos de antelación.
O grupo efectuou un percorrido guiado polo conxunto da infraestrutura industrial de Sogama a fin de comprobar o circuíto que segue o residuo desde que chega ao complexo ata que sae convertido en recurso: ben preparado para remitir á cadea do reciclado ou ben transformado en enerxía eléctrica, no caso da fracción non reciclable.
Os visitantes prestaron especial atención á operativa da nova planta de recuperación de materiais, concibida en liña coa industria 4.0 e na que se separa, a través de tecnoloxías de última xeración, ata 11 tipoloxías de materiais, utilizando para isto separadores magnéticos, lectores ópticos e correntes de Foucault. Máxima automatización para seleccionar, coa maior precisión os residuos reciclables e convertelos así en novas materias primas.
A posta en marcha desta instalación, en novembro de 2018, compleméntase coa remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible.
A mediados do ano en curso o proceso de ampliación chegará ao seu fin, pasando a converterse Sogama na infraestrutura das súas características máis moderna e eficiente de Europa, e en todo un referente para o resto do mundo.
Saúdos, Departamento de Comunicación