- Sogama subministrou en cada concello 50 composteiros, con capacidade para 400 litros.
- As vivendas participantes deben ser unifamiliares e dispoñer de terreo no que aplicar o compost resultante, un abono natural con excelentes propiedades para o solo.
- Tomando como referencia a dotación de partidas anteriores, Miño pasará a ter 111 familias participantes, e Pontedeume, 90.
Cerceda, a 1 de xullo de 2021.- Os Concellos de Miño e Pontedeume (A Coruña), coa colaboración de Sogama, decidiron ampliar os seus respectivos programas de compostaxe doméstica a 100 novos fogares (50 en cada caso). Desta forma, e tomando como referencia partidas anteriores subministradas por esta empresa pública, Miño xa ten en operación 111 composteiros e Pontedeume pasará a ter 90.
Os recipientes, con capacidade para 400 litros, están fabricados con materiais reciclados e reciclables, e posibilitan que o proceso de autoxestión da materia orgánica se leve a cabo dunha forma máis cómoda, hixiénica e eficiente.
Condición indispensable é que as vivendas participantes sexan unifamiliares e dispoñan de terreo no que aplicar o compost resultante, pechando así o ciclo de recuperación da materia orgánica en orixe. Esta fracción regresa á terra como abono natural con gran capacidade para nutrir o solo e mesmo preservalo fronte a posibles pragas e enfermidades.
Cada concello recibiu igual número de manuais didácticos nos que se explica toda a operativa a seguir polos usuarios: desde a propia localización do composteiro, que debe estar en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben e non deben depositarse no mesmo e parámetros a ter en conta (temperatura, osíxeno e humidade). Así mesmo, dáse resposta ás preguntas máis frecuentes e despéxanse as dúbidas máis comúns.
En Miño xa se impartiu un curso de formación orientado aos veciños adscritos a esta iniciativa. Celebrouse o pasado 19 de xuño, na Biblioteca Municipal.
Os interesados teñen a oportunidade de complementar os seus coñecementos a través do sitio web www.compostaconsogama.gal, onde poderán acceder a diferentes recursos divulgativos (vídeos, xogos, etc) cos que reforzar os seus coñecementos neste ámbito.
Con esta nova fase, os concellos de Miño e Pontedeume confían en seguir avanzando cara á consecución dos beneficios ambientais, económicos e sociais que trae consigo a autocompostaxe.
Saúdos, Departamento de Comunicación