- No transcurso da súa alocución, a directora xeral de Sogama fixo fincapé nos dous grandes retos que esta empresa pública pretende abordar nesta edición da BF: recuperación e reciclaxe do téxtil contido na bolsa negra e desenvolvemento de tecnoloxías que permitan identificar de forma automática e dixitalizada os residuos contidos nas diferentes fraccións
- O obxectivo último, tal e como explicou, é promover unha boa separación de residuos en orixe e incrementar así a cantidade e calidade dos materiais remitidos aos centros recicladores
- O evento tivo lugar hoxe na Cidade da Cultura, onde se deu a coñecer os obxectivos da BF, orientados a proporcionar solucións e tecnoloxías que teñan un impacto positivo no clima e o medio ambiente mediante o apoio a proxectos de emprendemento innovador e a súa transformación en empresas de valor
Santiago de Compostela, a 10 de setembro de 2024.- Viratec (Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular) e a Xunta de Galicia presentaron hoxe, na Cidade da Cultura, a Business Factory (BF) ClimaTech, a primeira aceleradora de empresas do ámbito ambiental e a economía circular de Galicia.
A apertura do acto correu a cargo da presidenta de Viratec, Josefa de León, quen destacou que “Coa BF ClimaTech, pretendemos promover unha economía sostible e respectuosa co medio ambiente, apoiando o emprendemento co fin de acelerar e afianzar iniciativas ambientais e de circularidade que teñan capacidade de escalar e xerar impacto”.
Pola súa banda, a xerente do clúster, Ana Botas, explicou que, para propiciar que a BF responda realmente ás necesidades do mercado e garanta que os proxectos atopen demanda para os seus produtos e servizos, “reunímonos con entidades do sector a fin de coñecer de primeira man os retos aos que se enfrontan”.
Mellor separación en orixe e recuperación de téxtil: os dous grandes retos presentados por Sogama nesta convocatoria
O evento nutriuse cunha mesa redonda na que se deixou constancia da visión das empresas tractoras, como é o caso de Sogama, representada neste evento pola súa directora xeral, Mirta Sueiro, quen, no transcurso da súa alocución, manifestou que un dos grandes retos desta empresa pública é precisamente axudar aos concellos e á propia comunidade no cumprimento dos obxectivos de reciclaxe e vertedura, abundando na imperiosa necesidade de promover unha boa separación en orixe para maximizar posteriormente a cantidade e calidade dos materiais recuperados.
Neste sentido, lembrou que a recollida e xestión da bolsa amarela é gratuíta para os entes locais e que o canon polo tratamento da materia orgánica (que representa preto do 40% da composición media dunha bolsa de lixo tipo), unha vez recollida de forma diferenciada a través do contedor marrón, é moito máis barato que o do lixo convencional (fracción resto).
Ao respecto, destacou que o desenvolvemento de tecnoloxías que permitan identificar os residuos contidos en cada fracción de forma automática e dixitalizada, axudaría a coñecer o grao de desempeño ambiental de cada concello e contribuiría a mellorar a separación de residuos.
Outro dos grandes retos aos que aludiu, e que a compañía ten por diante, é a capacidade de converter os residuos en recursos. Para isto referiuse especialmente ao impulso da reciclaxe do téxtil contido na fracción resto a través do desenvolvemento dunha tecnoloxía específica que permitiría contribuír á subministración de fibras téxtiles recicladas.
Neste marco, asegurou que Sogama ofrece aos emprendedores a posibilidade de traballar conxuntamente nestes dous retos de gran alcance, achegando experiencia, acompañamento e apoio en todo o proxecto, ademais dunha ampla rede de provedores con empresas xa consolidadas, pero con necesidades propias deste cambio de paradigma. “Abarcamos os tres grandes piares da 4ª revolución: industria 4.0, circularidade e clima, coas consecuentes oportunidades de futuro”, salientou.
A conselleira de Industria e Economía, María Jesús Lorenzana, foi a encargada de pechar o evento, onde aludiu á transversalidade desta aceleradora, con sete retos de estrita actualidade. “Os proxectos que saian da mesma suporán solucións para as empresas, o planeta e a sociedade”.
Sobre BF ClimaTech
O prazo para inscribirse na primeira edición BF ClimaTech pechará o vindeiro 30 de setembro. Na páxina web bfclimatech.gal están publicadas as bases e as indicacións para a presentación de candidaturas.
Ana Botas animou á participación das empresas, tendo en conta que a BF ClimaTech achega aos proxectos participantes “plans adaptados ás súas necesidades específicas, recursos económicos e técnicos, mentorización por parte de empresas de referencia no sector ambiental e sectores produtivos relacionados, distintas actividades formativas e de incorporación de novas competencias, e contacto con clientes potenciais, entidades de investimento e feiras sectoriais”.
Saúdos, Departamento de Comunicación