- Do 25% inicial, Sogama pasou a trasladar por vía férrea o 55% dos refugallos que xestiona a través do seu modelo.
- No período de 15 anos (2004-2018), a entidade desprazou por tren un total de 3.353.870,09 toneladas de residuos.
- A entidade quere poñer de relevo estes datos con motivo da celebración da Semana Europea da Mobilidade 2019, que arrincou o pasado día 16 e estará en vigor ata o próximo 22 de setembro, sendo o seu obxectivo promover medios de transporte alternativos e sostibles nos que prime a protección ambiental.
Cerceda, a 19 de setembro de 2019.- O maior uso do tren para o transporte dos residuos urbanos no modelo Sogama constitúe unha das mostras máis evidentes da firme aposta que esta empresa pública fixo pola mobilidade sostible. En pouco máis de tres anos, o transporte de refugallos por ferrocarril pasou do 25% en 2016 ao 55% en 2019. Un cambio de rumbo que se enmarca no plan de responsabilidade social corporativa que guía a actividade da compañía, empeñada en dar o mellor tratamento posible aos residuos municipais e reforzar a súa xestión con políticas orientadas cara a unha menor pegada de carbono, en plena sintonía cos preceptos da economía circular e os obxectivos europeos de descarbonización.
No intervalo de 15 anos, a Sociedade desprazou por vía férrea 3.353.870 toneladas de refugallos. A previsión da adxudicataria do servizo de transporte combinado, a UTE Renfe-Copasa-Logirail, é que, durante o próximo decenio, o maior uso do ferrocarril permita aforrar a emisión de 2.230 toneladas de CO2 e preto de 800.000 litros de gasoil cada ano.
Ademais do beneficio ambiental, o tren trae consigo outras vantaxes tales como unha maior eficiencia, maior sincronización nos horarios, menor sinistralidade e, por suposto, menores molestias cidadás.
Toda unha serie de melloras que Sogama quere facer patente no marco da Semana Europea da Mobilidade 2019, que arrincou o pasado día 16 e estenderase ata o vindeiro domingo, 22 de setembro, co fin de promover e concienciar á poboación sobre a necesidade de optar por medios de transporte alternativos máis respectuosos coa contorna.
No caso do transporte por estrada, cabe dicir tamén que a UTE Renfe-Copasa-Logirail dispón dunha importante flota de vehículos que operan durante as 24 horas do día, os 365 días do ano, e que contan co equipamento necesario para que os residuos se trasladen ata o Complexo Medioambiental de Cerceda (A Coruña) nas mellores condicións ambientais e de seguridade, utilizando para isto unha rede de plantas de transferencia distribuídas estratexicamente polo territorio galego (37 en total).
Saúdos, Departamento de Comunicación