- Así o manifestou o presidente desta empresa pública, Javier Domínguez, durante a súa intervención na conferencia final do proxecto europeo “Tropaverde Rewarding Recycling”, promovido polo Concello de Santiago.
- Igualmente, explicou os proxectos nos que traballa actualmente a compañía e nos que se prioriza a valorización da materia orgánica recollida selectivamente mediante a súa transformación en compost.
- Da man da Xunta, Sogama construirá tres novas plantas de biorresiduos e adaptará 13 plantas de transferencia para o transvase da fracción orgánica a contedores de gran capacidade, posibilitando o seu transporte ata a planta de tratamento máis próxima.
Cerceda, a 12 de maio de 2021.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez Liño, participou onte na conferencia final do proxecto europeo “Tropaverde Rewarding Recycling”, promovido polo Concello de Santiago de Compostela, onde fixo un repaso dos principais fitos históricos da entidade ata o día de hoxe.
Aproveitando a oportunidade brindada por este acto, quixo felicitar ao Concello polos bos resultados obtidos no ano 2020 respecto da xestión das dúas fraccións de residuos que competen a Sogama: bolsa negra e bolsa amarela.
En canto á primeira, das 6 grandes cidades galegas que utilizan os servizos de Sogama, a compostelá foi a que máis reduciu a produción de residuos, que baixou un 10% en relación aos datos de 2019. Pola súa banda, a bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks depositados no colector amarelo) creceu preto dun 11%.
VALORIZACIÓN DA MATERIA ORGÁNICA, EIXO DO PLAN DE ACCIÓN
No transcurso da súa intervención, o máximo responsable de Sogama detívose en explicar os proxectos nos que traballa actualmente esta compañía, centrados fundamentalmente na valorización da materia orgánica recollida selectivamente mediante a súa transformación en compost.
A fin de dar cobertura aos 295 concellos adscritos ao seu modelo, a entidade construirá e xestionará tres novas plantas de biorresiduos que se situarán nas provincias de Pontevedra (Vilanova de Arousa), Lugo (Cervo) e Ourense (Verín), sumándose á que xa está a operar en Cerceda, así como ás actuais e futuras destas características, tanto públicas como privadas.
Así mesmo, adaptará 13 plantas de transferencia, habilitando nas mesmas unha tolva para o transvase da materia orgánica, sendo transportada á planta de biorresiduos máis próxima.
Se ben a xestión de residuos urbanos é unha competencia municipal, Sogama, da man da Xunta, quere axudar aos concellos a dar debido cumprimento ás súas obrigas legais, pondo ao seu dispor os medios necesarios para que os restos orgánicos recollidos a través do quinto contedor, de cor marrón, poidan converterse en compost e regresar á terra (agricultura e gandería fundamentalmente) en forma de nutriente e fertilizante natural.
Salientou tamén o éxito do programa de compostaxe doméstica, ao que están adheridas 374 entidades (211 concellos, 138 centros educativos e 25 colectivos sociais), entre as que Sogama repartiu de forma gratuíta preto de 16.000 composteiros, ademais de impartir a correspondente formación aos participantes.
Domínguez subliñou que a modernización desta empresa pública e a mellora nos seus procesos foron unha constante durante os últimos anos. “O obxectivo da Sociedade que presido é prestar o mellor servizo público aos 295 concellos adscritos ao noso sistema, que aglutinan a máis de 2.240.000 habitantes”, ao que engadiu “Podemos asegurar que foi un período de transición que nos permitirá culminar en breve o noso proxecto estrela: a Sogama circular”.
Saúdos, Departamento de Comunicación