- Tivo lugar o pasado 2 de febreiro cun intenso programa de actividades no que desempeñou un papel fundamental a Asociación O Pasatempo, que contou co apoio incondicional do propio Concello de Mondoñedo, así como coa colaboración da Xunta de Galicia a través de Sogama.
- Foi precisamente o seu presidente, José Antonio Ares, quen falou no programa radiofónico Ecovoz deste tradicional evento cuxa primeira "edición" está documentada en 1569, sendo rexidor Luís de Luaces.
- Actualmente, o goberno municipal está levando a cabo un ambicioso plan de acción na Alameda dos Remedios que inclúe a reposición de árbores en mal estado ,melloras nos accesos, incorporación de mobiliario urbano como bancos e farolas, e a renovación do parque infantil empRazado neste espazo verde.
- O obxectivo último non é outro que preservar o patrimonio natural e mellorar o benestar e calidade de vida da veciñanza.
Cerceda, a 22 de febreiro de 2019.- A árbore é para Mondoñedo un ingrediente fundamental da súa historia e indiscutible patrimonio natural e cultural. Non en van, este fermoso municipio lucense acolle a Festa da Árbore máis antiga de Europa. Así o explicou no programa radiofónico Ecovoz José Antonio Ares, presidente da Asociación O Pasatempo, un colectivo social con máis de dúas décadas de vida ás súas costas que contribúe, co incondicional apoio do Concello, a manter viva a memoria ecolóxica do municipio.
O pasado 2 de febreiro, a vila mindoniense da que emerxeron personalidades tan ilustres como o escritor Álvaro Cunqueiro ou o compositor Pascual Veiga, autor da música do himno galego, celebrou o 450 aniversario da Festa da Árbore, un evento no que se volcou de cheo o goberno local e que tamén contou coa colaboración da Xunta de Galicia a través de Sogama.
Conta José Antonio Ares que en 1560 os veciños adquiriron a alameda ao cabido, pero, debido á peste negra que asolaba a toda Europa, así como aos altos índices de pobreza, tiveron que pasar 9 anos ata que os mindonienses puideron plantala. Por idénticos motivos, os traballos de empedrado das rúas tamén se viron dilatados no tempo. En febreiro de 1569 tivo lugar a que está considerada como a primeira festa destas características de toda Europa.
Con esta conmemoración réndese homenaxe a aqueles que, malia as adversas circunstancias, e baixo o mandato do rexidor Luís de Luaces, puxeron todo o seu empeño en que a árbore estivese presente na vida dos cidadáns de Mondoñedo como elemento de conexión entre pasado, presente e futuro.
O programa cultural que integrou o 2 de febreiro estivo colmado de actividades, que arrancaron cunha ruta pola cidade na que se deron a coñecer os distintos tipos de árbores presentes na mesma, así como o proceso de transformación da urbe ao longo do tempo, acabando o periplo ante a casa de Luís de Luaces, desde onde partiron unhas carrozas como no ano 1902.
A parte máis atractiva e solemne da festa foi a propia plantación de especies autóctonas, que se aderezou con concertos, recitais de poesías, contacontos, entrega de premios de concursos escolares, etc. E para satisfacer os padais dos asistentes, que mellor que premialos cunha “torreznada” gratis, do mesmo xeito que fixera, 450 anos antes, o primeiro edil de Mondoñedo, que obsequiou aos seus veciños con tan enerxética recompensa, tras participar na plantación de árbores.
PLAN DE MELLORA ACOMETIDO POLO GOBERNO LOCAL
Na actualidade, o goberno municipal está levando a cabo un ambicioso plan de acción na Alameda dos Remedios que inclúe a reposición de árbores en mal estado, a mellora nos accesos, a dotación de novo mobiliario urbano como bancos e farolas e a renovación do parque infantil emprazado neste espazo verde único, que serve como lugar de paseo e lecer para os mindonienses, albergando igualmente as festas e feiras máis importantes da localidade.
O obxectivo último non é outro que preservar o patrimonio natural e posibilitar un maior benestar e calidade de vida para os habitantes de Mondoñedo.
Saúdos, Departamento de Comunicación