- Sogama subministrou a ambas localidades 50 novos composteiros, facendo un total de 219 vivendas unifamiliares as que están levando a cabo prácticas de autocompostaxe.
- Ademais dos composteiros, a empresa enviou aos concellos manuais didácticos para que sexan entregados aos usuarios a fin de que lles sirvan de guía no proceso de elaboración de compost.
- Coa extensión desta iniciativa, Moraña e Mos confían en lograr importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
Cerceda, a 13 de febreiro de 2019.- A fin de estender as prácticas de autocompostaxe a novos fogares, os concellos pontevedreses de Moraña e Mos solicitaron a colaboración de Sogama a través da dotación de medios materiais e didácticos. No caso de Mos, a empresa pública subministrará ao concello unha nova partida de 30 composteiros (de 350 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables), facendo un total de 174 os recipientes entregados por esta durante os últimos anos. En Moraña, son 20 que, sumados aos 25 dunha fase anterior, fan un total de 45 composteiros. Desta forma, 219 vivendas de ambas localidades participan activamente no programa de compostaxe doméstica promovido pola Sociedade Galega do Medio Ambiente.
Pero a colaboración da compañía non se circunscribirá unicamente á dotación de recipientes, senón que tamén entregará aos concellos tiradas de guías divulgativas para que os veciños participantes nesta iniciativa poidan complementar a información proporcionada polos gobernos locais, así como consultar as súas dúbidas. Os manuais proporcionan todas as claves para que os usuarios poidan levar a cabo o proceso de compostaxe con garantías: desde a propia ubicación do composteiro ata os materiais que deben e non deben ser depositados no mesmo, o control de parámetros tales como a temperatura e a humidade e as aplicacións do abono resultante.
BENEFICIOS
Ademais dos propiamente ambientais tales como a redución de residuos en orixe e o fomento da reciclaxe, recuperar a materia orgánica xerada nas propias casas, e que representa en torno ao 42% da composición dunha bolsa de lixo tipo, evita o seu depósito nos contedores convencionais, posibilitando unha diminución da frecuencia de recollida e transporte por parte dos servizos municipais e, polo tanto, das emisións de CO2 á atmosfera. Igualmente, ao reducir as cantidades de residuos entregadas a Sogama, tamén se minora o importe da factura a pagar á empresa, coa particularidade de que representa unha oportunidade para recuperar unha tradición no rural galego como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost.
A día de hoxe, Sogama repartiu máis de 9.700 composteiros en toda Galicia.
Todos os pormenores do programa en www.compostaconsogama.gal.
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación