- O prezo dos produtos semella ser a principal razón pola que os españois non somos máis sostibles, sendo os ingredientes naturais e o envasado eco-friendly os criterios máis importantes á hora de comprar artigos sostibles que non sexan alimentación
- Os hábitos sostibles máis habituais son a redución do consumo enerxético e de auga, situándose no 77% a porcentaxe de españois que recicla habitualmente
Cerceda, a 4 de abril de 2023.- As persoas que levan un estilo de vida sostible declaran ter emocións positivas, polo que ser sostibles fainos máis felices. Esta é unha das conclusións do I Monitor Consumo sostible Gran Consumo Non Alimentación, un estudo realizado entre máis de 3.000 consumidores por Procter & Gamble (P&G) xunto ao Grupo de Investigación de Empresa, Economía e Sostibilidade (E-SOST) da Universidade Pontificia Comillas.
O informe lanzou outras conclusións interesantes, entre as que se destaca que as mulleres maiores de 55 anos son as que máis se preocupan pola sostibilidade, concretamente un 74%. Trátase dun dato sorprendente, xa que rompe coa percepción xeral que se ten deste tipo de consumidor, tal e como asegurou Carmen Valor, coordinadora do Grupo de Investigación E-SOST da Universidade Pontificia Comillas, quen considera que as mulleres continúan a levar o peso do fogar, e ter actitudes sostibles como reciclar ou comprar uns produtos ou outros é cousa delas, aínda que a sociedade estea a cambiar e evolucionando.
GRUPOS
Este informe tamén desvela catro grandes grupos de poboación en función das súas actitudes cara á sostibilidade nos seus hábitos:
Nun primeiro grupo estarían as persoas que non declaran interese pola sostibilidade, que maioritariamente son zentennials e millennials, cunha media de idade de 32 anos.
O segundo grupo intégranno aquelas persoas que se decantan por evitar residuos e, do mesmo xeito que o anterior, está conformado maioritariamente por persoas mozas cunha media de idade de 35 anos.
No grupo que demostra maior interese por reciclar e aforrar, as persoas son fundamentalmente adultas, cunha media de idade de 42 anos.
E no último atoparíanse as persoas que maior implicación demostran coa sostibilidade, predominantemente mulleres seniors e persoas adultas cunha media de 45 anos.
Son estes dous últimos grupos os que reportan máis emocións positivas cara ao consumo sostible.
CRITERIOS
En canto ás razóns polas que os españois non somos máis sostibles, o informe apunta ao prezo: case un de cada dous (48%) afirma que os produtos sostibles son máis caros que os que compra habitualmente.
Respecto dos criterios máis importantes á hora de comprar produtos sostibles que non sexan alimentación, figuran os ingredientes naturais (38%) e un envasado eco-friendly (35%). Se cumpren con estas condicións, o consumidor si está disposto a rascarse o peto.
En relación aos hábitos sostibles máis habituais entre os consumidores, atópanse a redución do consumo enerxético (87%) e de auga (86%), mentres que o porcentaxe de españois que recicla habitualmente sitúase no 77%.
Fonte: www.compromisorse.com
Imaxe: Pexels