- Hoxe, Día Internacional das Mulleres Rurais, preténdese enxalzar a súa inestimable achega na loita contra o cambio climático.
- As mulleres rurais representan máis dun terzo da poboación mundial e un 43% da man de obra agrícola.
Cerceda, a 15 de outubro de 2019.- Hoxe, 15 de outubro, celébrase o Día Internacional das Mulleres Rurais, que representan máis dun terzo da poboación mundial e un 43% da man de obra agrícola, co fin de poñer en valor o seu incansable traballo para garantir a seguridade alimentaria. Con todo, en moitas ocasións trátase dun labor invisible, malia que as súas tarefas son múltiples e altamente produtivas.
Lamentablemente, en distintos puntos do planeta a situación destas mulleres está a empeorar debido aos efectos do cambio climático sobre os recursos naturais e produtivos, así como á desigualdade de xénero. É por isto que, para conmemorar esta efeméride, nesta ocasión púxose o foco de atención sobre o importante papel que desempeñan as mulleres e nenas do medio rural no desenvolvemento da resiliencia fronte á crise climática.
No período comprendido entre os anos 2006 e 2016, unha cuarta parte dos danos e as perdas totais como consecuencia dos desastres climatolóxicos tiveron lugar no sector agrícola de países en desenvolvemento, co conseguinte impacto na produción de alimentos.
Unha das formas máis efectivas de poñer coto a estas ameazas é empoderar ás mulleres para que teñan maior capacidade de resposta, toda vez que poden realizar grandes achegas a través da adopción de tecnoloxías con baixas emisións de carbono, converténdose en actores fundamentais na difusión de coñecemento sobre o cambio climático e a acción necesaria para combatelo
Fonte: Nacións Unidas
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación