- Investigadores da Universidade de Ohio traballan na obtención dun produto endurecido con caucho derivado da fermentación microbiana que podería cumprir as mesmas funcións que o plástico convencional.
- O estudo contemplou a fusión do caucho nun termoplástico a base de plantas denominado PHBV, xunto con peróxido orgánico e outro aditivo chamado TMPTA.
- O produto obtido finalmente foi un 75% máis resistente e un 100% máis flexible que o PHBV por si só, sendo moito máis fácil de moldear nos envases de alimentos.
Cerceda, a 26 de abril de 2019.- Un equipo de investigación da Universidade de Ohio traballa na obtención dun produto endurecido con caucho derivado da fermentación microbiana que, segundo manifestaron os seus promotores, podería cumprir as mesmas funcións que o plástico convencional. O estudo foi publicado na revista Polymers.
Sinalan que en torno ao 90% dos plásticos son derivados do petróleo e non biodegradables, co conseguinte impacto ambiental, e aseguran que substituír o plástico convencional por fontes renovables terá un éxito limitado debido ao procesamento e ás limitacións económicas, coa particularidade de que, ata o momento, os produtos resultantes foron excesivamente fráxiles para o envasado de alimentos.
O estudo contemplou a fusión do caucho nun termoplástico a base de plantas denominado PHBV, xunto con peróxido orgánico e outro aditivo chamado triacrilato de triimetilolpropano (TMPTA).
O produto obtido finalmente foi un 75% máis resistente e un 100% máis flexible que o PHBV por si só, sendo moito máis fácil de moldear nos envases de alimentos. A flexibilidade constitúe unha característica especialmente importante cando se trata de películas de plástico que se usan de forma común para envases de distintos artigos: desde produtos frescos ata alimentos conxelados.
Máis aló dos alimentos envasados, o bioplástico tamén se podería utilizar noutras aplicacións vinculadas á alimentación tales como utensilios e táboas de cortar.
Os investigadores buscan a forma de cooperar con colegas alleos á ciencia dos alimentos a fin de contemplar outras aplicacións para os seus produtos tales como a creación de materiais de construción, luvas para quen traballan no servizo de alimentos ou pezas para automóbiles e avións.
A investigación está captando a atención de compañías interesadas en reducir a súa pegada ambiental.
Fonte e imaxe: Universidade do Estado de Ohio
Saúdos, Departamento de Comunicación