- A través do proxecto europeo NanoPack, ábrese a porta á utilización de empaquetados activos, é dicir, cuxo cometido vai máis aló de conter pasivamente o produto, contemplando, entre outras funcións, o de absorber ou liberar sustancias para mellorar a frescura dos alimentos envasados ou para prolongar a súa vida útil.
- A pretensión é inhibir o crecemento de bacterias transmitidas polos alimentos e para isto utilizaranse uns materiais denominados nanotubos de halloysite ou HNTs.
- Os HNT conteñen aceites esenciais de ourego e tomiño cuxas propiedades antimicrobianas retardan o crecemento das bacterias ou mofos que danan os alimentos.
Cerceda, a 6 de maio de 2019.- Da orde dun terzo dos alimentos que se producen para o consumo mundial acaban desperdiciados. Refugar un alimento, non só implica perder un produto como tal, senón todos os recursos empregados no seu cultivo, comercialización e distribución: terra, combustible, auga, enerxía, traballo dos agricultores, etc.
Tomando como referencia esta problemática, xéstase en 2017, e baixo financiamento europeo, o proxecto NanoPack, cuxo obxectivo é facer fronte ao desperdicio de alimentos ao evitar o deterioro dos mesmos mediante solucións innovadoras de envasado.
Ábrese a porta así á utilización da nanotecnoloxía a través de empaquetados activos, é dicir, empaquetados cuxo cometido vai máis aló de conter pasivamente o produto, contemplando, entre outras funcións, o de absorber ou liberar sustancias para mellorar a frescura dos alimentos envasados ou para prolongar a súa vida útil.
Cunha duración de catro anos, o proxecto aspira a mellorar a seguridade dos alimentos ao inhibir o crecemento de bacterias transmitidas polos mesmos. Para isto utilizaranse uns materiais que se chaman nanotubos de halloysite ou HNTs e que se dispersan en películas de plástico fixándose alí para que non entren en contacto cos alimentos.
Os HNT conteñen aceites esenciais naturais extraídos de plantas tales como o ourego e o tomiño. Estes aceites libéranse lentamente e, grazas ás súas propiedades antimicrobianas, retardan o crecemento das bacterias ou mofos que danan os alimentos.
INVESTIGACIÓN SOCIAL PREVIA
O proxecto ata contemplou, con carácter previo, unha enquisa a través da cal pretendíase indagar na visión que teñen as persoas sobre a nanotecnoloxía e os seus beneficios. Esta enquisa formou parte dunha investigación sobre a aceptación que terían as novas tecnoloxías de envasado de alimentos activos por parte de consumidores e minoristas, levándose a cabo en países tales como China, Dinamarca, Irlanda, Italia e España.
Este estudo arroxou resultados interesantes, descubrindo que, se ben os cidadáns están cada vez máis dispostos a utilizar este tipo de solucións, os seus beneficios non sempre están aliñados coas súas concepcións previas, toda vez que ampliar a vida útil dun produto e manter a súa frescura pode parecer, a priori, unha contradición.
Porque o concepto de frescura non sempre é o mesmo para todos, dando lugar a diferentes interpretacións. Pode percibirse en termos do tempo transcorrido desde a produción, onde un tempo máis curto equivale a un produto alimenticio máis fresco, o que implica que non consideren que un produto cunha vida útil de almacenamento prolongada sexa necesariamente novo, xa que transcorreu máis tempo desde a produción.
Nestes momentos, o proxecto atópase en fase de probas, que incluirán todas as etapas de produción de empaquetado nas liñas de produción piloto existentes para determinar se os produtos NanoPack son comercial e industrialmente viables.
Fonte e imaxe: Comisión Europea
Saúdos, Departamento de Comunicación