- Desde o pasado 25 de novembro, máis de 3.300 delegados reuníronse en Busan (República de Corea) con motivo do quinto período de sesións do Comité Intergobernamental de Negociación (INC-5)
- A pretensión é que o Tratado estea baseado nun enfoque integral que aborde o ciclo de vida completo do plástico, incluíndo a súa produción, deseño e eliminación
Cerceda, a 2 de decembro de 2024.- As negociacións por un instrumento internacional xuridicamente vinculante sobre a contaminación plástica, concluíron no día de hoxe cun novo texto que servirá como punto de partida para a continuación das mesmas en 2025.
Desde o pasado 25 de novembro, máis de 3.300 delegados, incluídos membros que representan a máis de 170 nacións e observadores de 440 organizacións, reuníronse en Busan (República de Corea) con motivo do quinto período de sesións do Comité Intergobernamental de Negociación (INC-5) sobre a contaminación por plásticos.
Ao longo da semana, os membros negociaron dous documentos do Presidente do INC, o Embaixador Luis Vayas Valdivieso, e acordaron que se continuará a elaboración do texto na reanudación do período de sesións.
Tal e como manifestou Inger Andersen, Directora Executiva do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA), “O compromiso mundial de poñer fin á contaminación por plásticos é claro e innegable. Aqu,í en Busan, as conversas achegáronnos a acordar un tratado global xuridicamente vinculante que protexerá a nosa saúde, o noso medio ambiente e o noso futuro da avalancha de contaminación por plásticos”. Así mesmo, Indicou que, se ben os negociadores acadaron un maior grao de converxencia sobre a estrutura e os elementos do texto do tratado, así como unha mellor comprensión das posicións dos países e os desafíos compartidos, “persisten diverxencias en áreas críticas e necesítase máis tempo para abordalas”.
Antecedentes
En marzo de 2022, durante a reanudación do quinto período de sesións da Asemblea das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (UNEA-5.2), adoptouse unha resolución histórica para elaborar un instrumento internacional xuridicamente vinculante sobre a contaminación por plásticos, mesmo no medio mariño, baseado nun enfoque integral que aborde o ciclo de vida completo do plástico, incluída a súa produción, deseño e eliminación.
O INC-5 abórdase tras catro roldas de negociacións anteriores: o INC-1, celebrado en Punta do Leste (Uruguai), en novembro de 2022; o INC-2, que tivo lugar París, en xuño de 2023; o INC-3, en Nairobi, en novembro de 2023; e o INC-4, celebrado en Ottawa, en abril de 2024.
Fonte e imaxe: ONU Medio Ambiente