- Tiveron a oportunidade de desprazarse virtualmente polas instalacións que conforman o Complexo Medioambiental de Cerceda e poñer a proba os seus coñecementos cos xogos “Trash & Fourius”
Cerceda, a 10 de abril de 2024.- Preto dunha trintena de escolares de primaria do CEIP Joaquín Rodríguez Otero, con idades comprendidas entre os 9 e os 12 anos, pertencentes ao Concello de Malpica de Bergantiños (A Coruña), visitaron o Complexo Medioambiental de Sogama e participaron nunha sesión formativa impartida por educadores especializados.
No transcurso da xornada, puideron tomar boa nota da problemática que representa a elevada produción de residuos, da responsabilidade que cada un ten na mellor xestión dos mesmos, e das oportunidades de mellora que supón a adopción diaria, por parte da cidadanía, do principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
Neste marco, explicóuselles a actividade de Sogama e as fraccións de refugallos que se atopan baixo a súa competencia (bolsa amarela, bolsa marrón e bolsa negra), así como o tratamento que recibe cada unha delas.
No caso dos envases de plástico, latas e briks, recollidos a través do contedor amarelo, estes son separados por tipoloxías nunha planta de clasificación para remitilos aos correspondentes centros de reciclaxe. Respecto da materia orgánica depositada no contedor marrón, convértea en compost, un fertilizante natural con aplicacións na agricultura e a xardinería. E, en relación á fracción resto introducida no contedor xenérico, consegue segregar a parte reciclable, que remite á industria transformadora, convertendo en enerxía eléctrica a non reciclable.
Todo isto foi corroborado por parte dos pequenos a través dunha visita virtual polas instalacións que conforman o complexo cercedense. Sen moverse do sitio e equipados con lentes inmersivos 360º, pasearon polas distintas plantas para comprobar a súa operativa; unha experiencia que se complementou cos xogos arcade “Trash & Furious”, nos que participaron por parellas para poñer a proba as súas habilidades e coñecementos sobre a recollida selectiva de residuos.
Saúdos, Departamento de Comunicación