- O consorcio está formado por 15 institucións de 7 países, figurando entre as mesmas a USC e ARVI
- Esta nova investigación nace como continuación do proxecto NETTAG, que se levou a cabo entre 2019 e 2021, e persegue tres obxectivos esenciais baseados en previr, evitar e mitigar o impacto dos equipos abandonados, perdidos ou refugados no medio mariño
- Tres solucións combinadas que axudarán a reducir a presenza de contaminantes químicos e microplásticos que afectan ás especies e hábitats mariños
Cerceda, ao 10 de febreiro de 2023.-Un equipo formado por 15 institucións de sete países europeos, incluída a Universidade de Santiago de Compostela, unirá forzas no proxecto de investigación NETTAG+, coordinado polo Centro Interdisciplinario de Investigacións Mariñas e Ambientais, con sede en Matosinhos (Portugal).
Durante o próximos tres anos, a iniciativa desenvolverá novas solucións para reducir os refugallos xerados polas artes de pesca e o seu impacto na vida mariña e os hábitats.
Esta nova investigación nace como continuación do proxecto NETTAG, que se levou a cabo entre 2019 e 2021, e que contou igualmente coa participación da USC. Nesta ocasión, o profesor Sebastián Villasante coordinará as tarefas desde a institución compostelá, nas que participan os investigadores do Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) Pablo Pita e Gillian Ainsworth. Tamén forma parte do proxecto, desde Galicia, a Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo (ARVI).
PREVIR, EVITAR E MITIGAR: 3 SOLUCIÓNS COMBINADAS
A continuidade deste proxecto está asociada á Misión 'Restaurar os nosos océanos e augas para 2030' da Comisión Europea. Neste marco, NETTAG+ persegue tres obxectivos esenciais baseados en previr, evitar e mitigar o impacto dos equipos abandonados, perdidos ou refugados no medio mariño.
Nun primeiro termo, o proxecto conta coa participación e compromiso das entidades pesqueiras para involucrar ao sector na mellora das prácticas e a adopción de métodos de pesca máis respectuosos co medio ambiente. Así, a través da prevención preténdese reducir o volume de dispositivos que acaban danando os océanos ou os espazos portuarios.
En segundo lugar, busca evitar a xeración deste lixo mariño mediante a mellora dos sistemas acústicos de localización de artes de pesca. Con estas novas ferramentas será máis fácil controlar estes materiais desde a superficie, reducindo a probabilidade de que acaben perdéndose e danando o medio mariño.
En definitiva, o proxecto achegará novas solucións tecnolóxicas para mitigar os danos causados por estes residuos, detectándoos e eliminándoos mediante sistemas de intelixencia artificial de alta resolución que poidan mapear, rastrexar e recuperar dispositivos perdidos, abandonados ou refugados.
Estas tres solucións combinadas axudarán a reducir a presenza de contaminantes químicos e microplásticos que afectan ás especies e hábitats mariños, así como a pesca pantasma, as capturas incidentais ou os danos que estas artes poden causar en ocasións a especies vulnerables ou en perigo de extinción.
O proxecto conta con socios de Portugal, España, Italia, Croacia, Malta, Reino Unido e Irlanda.
Fonte: USC
Imaxe: Pixabay