- O evento pretende chamar a atención sobre a gran cantidade de materias primas que, na Unión Europea, se destinan a envases (40% dos plásticos e 50% do papel), supoñendo, ao final da súa vida útil, o 36% dos residuos
- Evitar a embalaxe excesiva e mellorar a recollida selectiva pode reducir en gran medida os refugallos producidos e incrementar a calidade do material destinado á reciclaxe
Cerceda, a 17 de novembro de 2023.- Mañá, 18 de novembro, arrinca a 15ª edición da Semana Europea da Prevención de Residuos, que nesta ocasión poñerá o foco de atención nos envases e o seu negativo impacto ambiental.
Así, e co lema Non te deixes envolver!, o evento deste ano, que culminará o próximo 26 de novembro, pretende chamar a atención sobre a gran cantidade de materias primas que, na Unión Europea, se destinan a envases (40% dos plásticos e 50% do papel), supoñendo, ao final da súa vida útil, o 36% dos residuos.
Se ben o envase e embalaxe axuda a conter, protexer, transportar e mesmo presentar calquera tipo de mercadoría, o certo é que está presente en todos os elos da cadea de valor, desde o produtor ata o consumidor, polo que a xeración total de residuos de envases na UE aumentou de 66 millóns de toneladas en 2009 a 78,5 millóns de toneladas en 2019 (ao redor de 173 kg por habitante).
Así mesmo, entre 2012 e 2020 aumentou a cantidade de envases non reciclables, coa particularidade de que unha cifra importante remata aínda nalgúns Estados en vertedoiro debida á falta de infraestruturas de reciclaxe e/o á falta de rendibilidade do proceso.
Para abordar esta situación, en decembro de 2020, a Comisión fixou o obxectivo de que todos os envases sexan reutilizables ou reciclables dunha maneira economicamente viable para 2030, constituíndo a prevención un elemento crave para acadalo.
A avaliación dos informes de alerta temperá da Comisión revelou ata o de agora que o plástico é o fluxo de residuos de envases que presenta maiores desafíos en termos de reciclaxe debido ás baixas taxas de recollida selectiva en moitos países.
A demanda de envases, xunto cos baixos niveis de reutilización e reciclabilidade, impulsa a necesidade permanente de recursos primarios non renovables, polo que a xeración de emisións de GEI procedentes dos envases segue a aumentar (prevese que alcancen os 66 millóns de toneladas de CO2e en 2030), coa particularidade de que os residuos plásticos teñen graves consecuencias para o medio mariño.
Evitar a embalaxe excesiva e mellorar a recollida selectiva pode reducir en gran medida o lixo producido e incrementar a calidade do material listo para a reciclaxe.
O papel da Semana Europea
A Semana Europea da Prevención de Residuos céntrase, por segunda vez na súa historia, nos envases (a primeira foi durante a edición de 2016), ao tratarse dunha temática que continúa sendo clave en termos de refugallos xerados, pois, non só non se reduciron, senón que aumentaron polo auxe do comercio electrónico.
Fonte e imaxe: Semana Europea da Prevención de Residuos