- Sogama subministrou a ambos os dous municipios un total de 50 composteiros (25 por localidade) para que as familias que se atopan en lista de espera poidan facerse cun destes recipientes e elaboren o seu propio compost
- Tamén se entregaron o mesmo número de cubos marróns domiciliarios para facilitar o traslado dos residuos orgánicos desde as cociñas ata o composteiro, que debe estar situado no exterior da vivenda
Cerceda, a 13 de xuño de 2022.- A petición dos concellos lucenses de Alfoz e Baralla, Sogama subministrou a ambos os dous unha nova partida de 50 composteiros (25 por localidade) para que as familias que se atopan en lista de espera poidan facerse cun destes recipientes e elaboren o seu propio compost a partir da materia orgánica doméstica (restos de alimentos e restos vexetais).
Xunto cos composteiros, a empresa pública tamén remitiu aos dous municipios igual número de cubos marróns domiciliarios, con capacidade para 10 litros, para facilitar o traslado dos residuos orgánicos desde as cociñas ata o composteiro, que debe estar situado no exterior da vivenda, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores.
Os usuarios encárganse do control do proceso de fermentación e deben supervisar parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade a fin de que a materia orgánica se converta nun compost de alta calidade que regresa á terra en forma de nutriente. Este abono natural, non só contribúe a fertilizar as plantas e os cultivos, senón que mesmo os protexe fronte a pragas e enfermidades.
Con estas novas partidas, Alfoz, que foi un dos concellos que participaron hai 10 anos nunha experiencia piloto promovida por Sogama na Mariña lucense, pasa a ter un total de 143 composteiros en funcionamento, mentres que en Baralla son 55.
Continúase apostando así por unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou abono, e que, ademais, trae consigo importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
De feito, ao recoller menos residuos a través do contedor convencional, poderíase reducir a frecuencia de recollida e transporte por parte dos servizos municipais, minorando desta forma as emisións de CO2 á atmosfera, e entregaríase menor cantidade de refugallos a Sogama, véndose diminuído o importe da factura que o ente local debe pagar a esta empresa pública polo seu servizo.
Sogama repartiu na provincia de Lugo, e de forma gratuita, máis de 4.000 composteiros entre un total de 89 entidades (45 concellos, 34 centros escolares e 10 colectivos sociais).
Máis información en www.compostaconsogama.gal
Saúdos, Departamento de Comunicación