- Cun investimento superior aos 1,8 M€, localízase no polígono industrial de Racelo e substituirá á microplanta que, durante anos, operou neste municipio
- Terá capacidade para 8.678 toneladas anuais e dará servizo a 8 concellos (23.119 habitantes), podendo transvasar as tres fraccións de residuos que se atopan baixo a competencia de Sogama: bolsa amarela, negra e marrón
A Lama, a 10 de agosto de 2023.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, acompañado polo alcalde da Lama, David Carrera Cal, visitou esta mañá a nova planta de transferencia da localidade, cuxa obra está practicamente concluída, e que entrará en funcionamento á volta do verán.
Esta instalación, localizada no polígono industrial de Racelo e á que se destinou un investimento de máis de 1,8 millóns de euros, substituirá á microplanta que, durante anos, operou neste municipio. Estará preparada para transvasar as tres fraccións de residuos municipais que se atopan baixo a competencia de Sogama, isto é, bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks), bolsa negra (resto) e bolsa marrón (materia orgánica -FORSU-recollida de forma diferenciada a través do contedor marrón, que se atopa en proceso de implantación nos concellos galegos).
Con capacidade para máis 8.675 toneladas anuais, poderá dar servizo a 8 concellos, que aglutinan unha poboación de 23.119 habitantes.
A nave na que se levará a cabo a transferencia dos residuos dispón dun compactador fixo, unha báscula e un sistema de translación de contedores (con capacidade para dúas unidades), posibilitando que se independice en certa medida o funcionamento da instalación do transporte, que en momentos puntuais pode sufrir atrasos por variacións nas condicións de tráfico, posibles avarías, indisposición dos condutores etc.
Tamén está dotada cun aparcadoiro de contedores, un edificio de oficina, vestiario e almacén, e unha depuradora de augas residuais.
Así mesmo, autoabastecerase enerxeticamente con paneis solares, fomentando deste xeito o uso das enerxías renovables para facer fronte ao cambio climático.
Integrada na rede de valorización de FORSU
A nova planta de transferencia da Lama integrarase na rede de infraestruturas, promovida pola Xunta de Galicia e executada con Sogama, para axudar aos concellos a que dean debido cumprimento á normativa vixente e instauren a recollida selectiva da materia orgánica antes do próximo 31 de decembro, tal e como establece a lexislación europea.
Esta rede, á que se destina un investimento de 40 M€, dos cales 30 millóns proceden dos Fondos FEDER REACT EU como resposta da Unión Europea á crise do Covid-19, estará conformada por 17 instalacións (4 plantas de biorresiduos -unha por provincia-, isto é, Cerceda, en funcionamento; Cervo e Verín, xa construídas: e Vilanova de Arousa, cuxa obra se atopa na última fase, así como 13 plantas de transferencia dotadas cunha tolva específica para os residuos orgánicos).
Saúdos, Departamento de Comunicación