- Nunha entrevista concedida a Radio Voz, o seu presidente, Javier Domínguez, aludiu aos dous grandes fitos industriais da entidade durante o pasado ano: a entrada en operación da nova planta de recuperación de materiais e a promoción do ferrocarril como medio preferente para o transporte de residuos, alcanzando en novembro o 58,5%.
- A nova planta permitirá á compañía multiplicar por catro a súa achega á reciclaxe e acadar o vertido técnico cero en 2020, todo un logro para a comunidade galega, tendo en conta que a media de vertido en España sitúase no 57%.
- Outra das grandes novidades de 2019 é a rebaixa do canon aos concellos nun 10%, e que Sogama aplicará aos entes locais comprometidos coa xestión sostible dos residuos urbanos (menos produción de residuos e/ou máis reciclaxe) e que, ademais, trasladen esta bonificación aos veciños.
- Tamén falou Domínguez do programa de compostaxe doméstica promovida por esta entidade, ao que se atopan adscritas 294 entidades, tendo repartido entre as mesmas máis de 9.700 composteiros.
Cerceda, a 6 de febreiro de 2019.- “2018 foi para Sogama un fito no seu conxunto”. Así o asegurou o seu presidente, Javier Domínguez Lino, nunha entrevista concedida a Radio Voz, no marco do programa de educación ambiental “Ecovoz”.
RECICLAXE E MOBILIDADE SOSTIBLE
Domínguez fixo especial fincapé nos dous logros industriais que considera cruciais para o futuro da empresa e para a prestación dun mellor servizo público. Por unha banda, a culminación da primeira fase de ampliación do complexo medioambiental de Cerceda a través da posta en marcha da nova planta de recuperación de materiais e, por outro, a promoción do ferrocarril como medio preferente para o transporte de residuos, cun novo récord en novembro de 2018 ao alcanzar o 58,5% (fronte ao 25% de 2016), 33,5 puntos porcentuais máis.
A nova planta, concibida en liña coa emerxente industria 4.0, está dotada con tecnoloxías de última xeración que permiten recuperar, do lixo en masa, ata 11 tipoloxías de material, propiciando a súa conversión en novos produtos.
Esta instalación fará posible que a empresa poida multiplicar por catro a súa achega á reciclaxe e reduza o vertido a mínimos. A previsión é que, en 2020, a compañía leve a vertedoiro tan só o 10% dos residuos, o que se coñece como vertido técnico cero, un obxectivo que o Parlamento Europeo estableceu para os Estados membros a partir do ano 2035. Isto significa que Sogama dará debido cumprimento ao mesmo con 15 anos de antelación.
Domínguez aludiu ao vertedoiro como o gran inimigo da reciclaxe, centrándose precisamente o labor de Sogama en promover a aplicación preferente dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) aos que complementa coa recuperación enerxética da fracción non reciclable a través de procesos limpos e respectuosos co medio ambiente e a saúde. Recordou así que a media de vertido en España sitúase no 57%, polo que Galicia será todo un referente na materia.
Respecto deste ano que acaba de comezar, Sogama inaugurouno con máis obras e melloras. É o caso da remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, que concluirá a mediados deste mesmo ano. Será entón cando a ampliación do complexo será unha realidade, vendo incrementada a súa capacidade nun 81% ao pasar de 550.000 toneladas anuais a 1.000.000. Erixirase así no máis moderno, innovador e eficiente de Europa, e nun dos de maior envergadura a nivel mundial.
Tamén falou Javier Domínguez do programa de compostaxe doméstica, ao que se atopan adscritas 294 entidades, tendo repartido entre as mesmas máis de 9.700 composteiros. 184 concellos xa forman parte desta iniciativa e moitos deles abordaron fases de ampliación para levar a experiencia a novas vivendas e lograr con isto importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
REBAIXA DO CANON AOS CONCELLOS
Outra das grandes novidades de 2019 é a rebaixa do canon que Sogama aplicará aos concellos comprometidos coa xestión sostible dos residuos urbanos. Isto foi posible á boa xestión dos últimos anos e á política empresarial de facer máis con menos, pero sen renunciar a investimentos cos que mellorar o seu servizo e que alcanzaron un montante de 47 millóns de euros.
Aplicarase así unha bonificación do 10% para aqueles concellos que se comprometan coa menor xeración de residuos e/ou coa maior reciclaxe e que, ademais, trasladen esta rebaixa aos veciños.
É por isto que o máximo responsable de Sogama apelou á colaboración de todos os colectivos, cidadáns, administracións locais e empresas, para que cada cal, no papel que lle corresponda, contribúa a que a xestión sostible dos residuos sexa unha realidade en toda a cadea.
O seu desexo para 2019 non é outro que seguir traballando para contribuír a unha Galicia máis limpa, saudable e próspera. Non en van, o lema da entidade para este ano, nun claro guiño ao Xacobeo 2021 é “Sogama, no camiño da sostibilidade”, que é o camiño que emprendeu para contribuír a un mundo mellor.
Saúdos, Departamento de Comunicación