- Así se recolle nunha enquisa do Eurobarómetro, manifestando o 87% dos cidadáns que pode contribuír á conservación da natureza.
- A Semana Verde da Unión Europea, celebrada o pasado mes de maio, constatou esta preocupación, téndose centrado nesta ocasión na lexislación ambiental e no papel que desempeñan as persoas á hora de levala á práctica.
- O evento inspirou a celebración de actividades medioambientais en toda Europa, incluíndo 205 actos asociados en 33 países, 115 dos cales viraron en torno á sensibilización cidadá.
- No acto de clausura, o comisario europeo de Medio Ambiente, Asuntos Marítimos e Pesca, Karmenu Vella, declarou que a edición do próximo ano estará dedicada á biodiversidade, “unha cuestión tan vital como urxente”.
Cerceda, a 16 de setembro de 2019.- Segundo unha enquisa do Eurobarómetro, nove de cada dez cidadáns da Unión Europea consideran que a protección do medio ambiente é unha cuestión relevante, e o 87 % cre que pode contribuír á conservación da natureza.
A Semana Verde da Unión Europea, celebrada o pasado mes de maio, constatou esta preocupación pola preservación da contorna, téndose centrado nesta ocasión na lexislación ambiental e no papel que desempeñan as persoas á hora de levala á práctica. Se ben se abordaron os logros das políticas medioambientais, tamén se deixou constancia do que aínda queda por facer para lograr unha Europa máis verde.
Karmenu Vella, comisario europeo de Medio Ambiente, Asuntos Marítimos e Pesca, manifestou que unha adopción plena das políticas podería aforrar á UE en torno a 55.000 millóns de euros ao ano.
O evento inspirou a celebración de actividades medioambientais en toda Europa, incluíndo 205 actos asociados en 33 países, 115 dos cales xiraron en torno á sensibilización cidadá.
A semana arrincou oficialmente cunha cita organizada pola rexión polaca de Mazovia, desde onde o comisario Vella recalcou a importancia da colaboración de todos os niveis de goberno.
En Bruxelas, máis de 1 500 persoas participaron nun congreso de tres días, que tamén seguiron en directo a través de internet outros 1.100 cidadáns. O congreso ou conta das oportunidades que ofrece a aplicación da lexislación medioambiental.
INTERCAMBIO DE EXPERIENCIAS E COÑECEMENTOS
Nunha das sesións, a UEFA e a Asociación de Cidades e Rexións para a Reciclaxe e a Xestión Sostible dos Recursos, uniron as súas forzas para abordar o impacto medioambiental do fútbol e outros eventos deportivos.
Segundo os expertos asistentes, nun partido de fútbol europeo tipo xéranse 0,8 quilos de residuos por espectador, estimando que o total de residuos xerados en todos os partidos organizados polas asociacións nacionais de fútbol europeas ascenden a 750.000 toneladas ao ano.
Noutra orde de cousas, a embaixada neerlandesa en Bélxica organizou un intercambio de roupa para abordar a moda sostible. Representantes da industria da moda debateron sobre como as políticas da UE poden axudar a crear unha cadea de subministro máis respectuosa co medio ambiente e fomentar o uso de materiais reciclados para facilitar a transición cara a unha economía circular.
Pola súa banda, a campaña #MyGreenAction invitou aos europeos a compartir, con esta etiqueta, vídeos e imaxes en Instagram e Twitter para divulgar ideas, proxectos ou accións que poidan achegarnos a un futuro máis verde.
No acto de clausura da Semana Verde en Bruxelas, o comisario Vella declarou que a edición do próximo ano estará dedicada á biodiversidade, “unha cuestión tan vital como urxente”.
Fonte: Revista Medio Ambiente para os Europeos (Comisión Europea).
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación