- Editorial do presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, correspondente á Newsletter corporativa do mes de outubro.
Comezamos un novo curso e facémolo con novos obxectivos e ilusións, sempre orientados a prestar un servizo público de máxima calidade e a contribuír a mellorar a calidade de vida dos cidadáns.
A ampliación do Complexo Medioambiental de Cerceda, unha das accións de maior envergadura que levamos a cabo durante os últimos anos, é xa unha realidade. Sen contratempos e con plena garantías, a nova planta de recuperación dos materiais contidos no lixo convencional atópase en funcionamento e a antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible xa foi remodelada na súa totalidade. Agora, as dúas están inmersas nunha fase de encaixe e “boa amizade” para que a coordinación da operativa desenvolvida en ambas as dúas instalacións sexa perfecta, sabendo que a súa misión, a través da innovación tecnolóxica, é incrementar de forma substancial a reciclaxe, desviando a valorización enerxética a fracción de residuos non reciclable. Isto permitiranos chegar ao vertido técnico cero en 2020, a nosa máxima aspiración a día de hoxe.
O círculo estase pechando e o gran esforzo realizado durante meses deu xa os seus froitos, confiando en que neste último trimestre de ano todo vaia rodado e que os cánones de eficiencia cumpran as nosas expectativas.
De forma paralela, levaremos a cabo outras melloras industriais coas que gañaremos maior rendemento e produtividade, e centrarémonos en axudar aos concellos a implantar de facto a recollida selectiva da fracción orgánica a través do quinto contedor, máis aló de proseguir co noso programa de compostaxe doméstica, ao que xa están adscritas máis de 300 entidades, tendo distribuído entre as mesmas da orde de 10.800 composteiros e impartido numerosos cursos de formación presencial destinados aos usuarios para que obteñan un abono natural de alta calidade.
Así mesmo, proseguiremos coas nosas campañas informativas, formativas e de sensibilización social na xestión sostible dos residuos urbanos, sendo conscientes de que, se ben as plantas de tratamento teñen unha gran responsabilidade ao respecto, precisan da axuda de todos os cidadáns a través dun consumo responsable, unha menor produción de refugallos e, por suposto, unha correcta segregación dos mesmos para que poidan ser reciclados, evitando que acaben no contedor verde convencional.
Quedan moitas cousas por facer, pero todo será máis fácil se o traballo se leva a cabo desde a unidade. A colaboración fai a forza.
Presidente
Javier Domínguez Lino