- Desenvolvido pola Mesa da Nova Recuperación especifica os requisitos de calidade establecidos para este material e detalla o proceso a seguir para o seu control de forma sistemática, prevendo igualmente a posta en marcha de medidas correctivas no caso de desviacións e desaxustes.
- Contempla dous parámetros de calidade básicos, isto é, 3% de contido de impropios e 10% de contido de humidade, que son precisamente os definidos nas ETMR contempladas nos convenios subscritos entre as entidades locais e Ecoembes para a xestión de envases lixeiros e de papel/cartón.
- O proceso de control estable tres niveis consecutivos: visual, medicións e análises externas.
Cerceda, a 14 de febreiro de 2019.- O sector da recuperación, a través da Mesa da Nova Recuperación, desenvolveu un procedemento de control da calidade do papel e cartón procedente da recollida selectiva municipal co que se pretende mellorar a súa calidade.
A operativa, que se atopa en fase de implantación, contando para isto coa colaboración de entidades locais, especifica os requisitos de calidade establecidos para este material e detalla o proceso a seguir para o seu control de forma sistemática, prevendo igualmente a posta en marcha de medidas correctivas no caso de desviacións e desaxustes.
O procedemento contempla dous parámetros de calidade básicos, isto é, 3% de contido de impropios e 10% de contido de humidade, que son precisamente os definidos nas ETMR (Especificacións Técnicas de Materiais Recuperados) contempladas nos convenios subscritos entre as entidades locais e Ecoembes para a xestión de envases lixeiros e de papel/cartón.
CONTROL E CORRECCIÓN
O proceso de control establece tres niveis consecutivos: visual, a realizar polo recuperador en cada descarga de papel e cartón de recollida selectiva; medicións, que se levarán a cabo no caso de que o material non cumpra con algún dos criterios de calidade ou ben non resulte posible a súa determinación a través do primeiro control visual, realizando probas adicionais; e análise externa, que se aplicará cando as partes non se tiveran posto de acordo nas fases anteriores.
No caso de desviacións sobre os requisitos de calidade do material recibido no almacén de recuperación, a entidade local e o propio recuperador deberán consensuar a posta en marcha de accións correctivas tales como o bo mantemento dos contedores a fin de que estean en perfectas condicións de uso, pechadura eficaz de tapas de descarga con dispositivos que impidan a súa apertura manual na vía pública (aplicable en caso de contedores azuis de carga lateral), bocas de contedores adaptadas para papel/cartón con medidas aproximadas de 100 centímetros de longo e 17 de ancho, optimización da sistemática dos servizos de recollidas complementarias, como é o caso do porta a porta de cartón comercial, mercados municipais e dependencias públicas, entre outras, e desenvolvemento de campañas informativas, formativas e de sensibilización para unha mellor separación en orixe e un correcto depósito deste material nos contedores azuis, así como un axeitado uso dos servizos de recollida complementarios.
Constituída no seo de ASPAPEL, a Mesa da Nova Recuperación é unha iniciativa aberta a todas aquelas empresas do sector que queiran contribuír ao desenvolvemento de novas estratexias e proxectos de futuro cunha visión integradora. Nace precisamente coa vocación de traballar conxuntamente na definición e consecución de obxectivos comúns para crear valor ao longo da cadea de reciclaxe de papel e cartón en colaboración con todos os axentes.
Fonte: Boletín informativo Reciclaxe ao Día
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación