- Así o manifestou o Director Xeral da FAO con motivo da presentación do Marco para a Axenda Alimentaria Urbana.
- Considera que, tamén en materia de alimentación, as cidades deben centrar en boa medida a atención porque nelas viven, comen e traballan cada vez máis persoas.
- As urbes concentran hoxe o 55% da poboación, unha porcentaxe que se agarda aumente ata o 65% no ano 2050, e case o 80% dos alimentos que se producen no mundo consúmense nas mesmas.
- E neste escenario debe garantirse o acceso dos cidadáns a alimentos saudables e asequibles, pero preservando os recursos naturais e a biodiversidade.
Cerceda, a 21 de marzo de 2019.- Con motivo da presentación do “Marco da FAO para a Axenda Alimentaria Urbana: Un enfoque integral para garantir o desenvolvemento sostible”, o Director Xeral desta organización, José Graziano da Silva, incidiu na necesidade de incorporar a alimentación e a mellor nutrición á planificación urbana como elementos clave para lograr o desenvolvemento sostible.
A xuízo da FAO, as cidades deben centrar en boa medida a atención porque nelas viven, comen e traballan cada vez máis persoas e é precisamente nas urbes onde se deben implantar os compromisos globais a nivel local, coa particularidade de que tamén constitúen o escenario onde se elaboran leis e regulamentos.
Neste sentido, recórdase que en torno ao 55% da poboación vive actualmente nas cidades, unha porcentaxe que se agarda aumente ata o 65% no ano 2050, coa particularidade de que case o 80% dos alimentos que se producen no mundo consúmense nas mesmas. E neste marco debe garantirse o acceso a alimentos saudables e asequibles, pero preservando os recursos naturais e a biodiversidade.
Graziano da Silva indicou igualmente que o desenvolvemento urbano xa non pode abordarse de forma separada ao desenvolvemento rural, pois ambos deben reforzarse mutuamente, á vez que se debe reducir a brecha entre zonas rurais e urbanas; extremo no que tamén abundou o gañador do Premio Mundial da Alimentación 2018 e Director Executivo da Alianza Mundial para a Mellora da Nutrición (GAIN), Lawrence Haddad, manifestando que “Parece que agora é o momento de lograr un gran impulso para conseguir mellores dietas, mellor nutrición e mellores sistemas alimentarios, o que á súa vez atraerá tamén investimentos e creará oportunidades de emprego”.
A formulación de políticas sobre os sistemas alimentarios constitúen elementos de peso para o desenvolvemento dunha acción climática inclusiva, o desenvolvemento urbano, a redución da pobreza e a economía circular. Anna Scavuzzo, vicealcaldesa de Milán e responsable do Pacto de Política Alimentaria desta cidade, cuxo obxecto é promover sistemas alimentarios urbanos máis sostibles e combater o desperdicio alimentario, sostivo que “ocuparse dos alimentos significa ocuparse de todos eses aspectos”.
O Marco aporta ideas ás cidades sobre como implementar medidas para fortalecer as cadeas de valor alimentarias locais e reducir os xa preocupantes altos niveis de desperdicio alimentario e tamén sobre como mellorar as contornas normativas na materia.
Fonte: FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación)
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación