- Con esta efeméride preténdese alentar a todas as persoas e gobernos a previr e reducir ao mínimo os refugallos e promover un cambio social cara a unha economía circular
Cerceda, a 30 de marzo de 2023.- Hoxe celébrase o primeiro Día Internacional do Residuo Cero, unha data coa que se pretende alentar a todas as persoas e gobernos a previr e reducir ao mínimo os refugallos e promover un cambio social cara a unha economía circular. Isto implica diminuír o uso de recursos naturais e as emisións ao longo de todas as etapas do ciclo de vida dos produtos como factor crave para facer fronte á tripla crise planetaria do cambio climático, a perda de natureza e a contaminación, e situar ao planeta, e á humanidade, no camiño da saúde e a prosperidade.
Os seres humanos xeramos máis de 2.000 millóns de toneladas de residuos urbanos cada ano, dos cales o 45% non se xestiona de forma correcta. O lixo afecta de maneira desproporcionada ás persoas pobres, especialmente aos preto de 4.000 millóns que carecen de acceso a instalacións de eliminación controlada de refugallos.
Esta efeméride, establecida mediante unha resolución da Asemblea Xeral das Nacións Unidas, fai un chamamento a todas as partes interesadas, incluídos os gobernos, a sociedade civil, as empresas, o mundo académico, os grupos comunitarios, as mulleres e a mocidade, para que participen en actividades que esperten conciencia sobre as iniciativas de cero refugallos.
“A crise dos refugallos está a deteriorar a capacidade da Terra para soster a vida. Os refugallos cústanlle á economía mundial miles de millóns de dólares cada ano", declarou António Guterres, Secretario Xeral das Nacións Unidas, ao que engadiu "Cando tratamos a natureza coma se fose un vertedoiro, estamos a cavar a nosa propia tumba. É agora cando debemos reflexionar sobre o custo que os refugallos están a xerar no noso planeta, é hora de atopar solucións a esta grave ameaza".
Promover iniciativas de cero residuos a través deste día internacional pode axudar a cumprir os obxectivos e metas da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, incluídos o Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 11 (ODS 11: Lograr que as cidades sexan máis inclusivas, seguras, resilientes e sostibles) e o Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 12 (ODS 12: Garantir modalidades de consumo e produción sostibles).
O Presidente da Asemblea Xeral das Nacións Unidas convocará unha reunión de alto nivel en Nova York para articular unha plataforma mediante a cal intercambiar experiencias e historias de éxito dos Estados Membros en materia da elaboración e execución de solucións e tecnoloxías encamiñadas á xestión de refugallos.
O PNUMA, mediante a súa iniciativa One Planet Network, xunto con ONU-Hábitat, levarán a cabo campañas e actividades de divulgación concertadas para preparar as observacións do Día Internacional de Cero Refugallos a fin de seguir solicitando apoio e adoptando medidas sobre a importancia deste obxectivo.
Fonte: ONU
Imaxe: Pixabay