- Sitúase así como a terceira rexión que máis comida refuga.
- As causas deste fenómeno son múltiples: cultivar no momento inadecuado, malas condicións climáticas, prácticas erróneas na colleita e no seu manexo, malas condicións de almacenamento, así como decisións inapropiadas nas primeiras etapas da cadea de subministración.
- A perda e desperdicio de alimentos ten tres tipos de pegadas ambientais cuantificables: de carbono, de terra e de auga.
- Varios países da rexión adoptaron políticas para deter esta problemática e, adicionalmente, o Banco Interamericano de Desenvolvemento creou a campaña #SenDesperdicio, unha plataforma destinada a promover a innovación e mellorar a calidade das intervencións públicas neste ámbito.
Cerceda, a 12 de novembro de 2019.- América latina, que acolle ao 9% da poboación do planeta, é a terceira rexión, a nivel mundial, que máis comida desperdicia, trala zona de Asia meridional e central, e a área de América setentrional e Europa.
Desta forma, América Latina e o Caribe representa o 20% da cantidade total de alimentos que se perden desde a fase posterior á colleita ata o minorista, sen incluír este último. Así o asegura a FAO nun novo informe.
Entre as principais causas das perdas figuran, entre outras, cultivar no momento inadecuado, as malas condicións climáticas, as prácticas erróneas na colleita e o seu manexo, os desafíos que supoñen a comercialización dos produtos, as malas condicións de almacenamento e as decisións inapropiadas nas primeiras etapas da cadea de subministro.
PEGADAS AMBIENTAIS
A perda e desperdicio de alimentos ten tres tipos de pegadas ambientais cuantificables: de carbono, de terra e de auga.
A pegada de carbono é a cantidade total de gases de efecto invernadoiro que se emiten ao longo do ciclo de vida dos alimentos, expresado en dióxido de carbono (CO2). América Latina é responsable do 16% da pegada de carbono mundial debida ás perdas de alimentos.
A pegada da terra é a superficie de terra necesaria para producir os alimentos. Neste sentido, a rexión representa o 9%.
En termos da pegada de auga –a medida de toda a auga doce utilizada para producir e subministrar os alimentos ao consumidor final– a rexión responde polo 5%.
ACCIÓNS NACIONAIS
Varios países da rexión adoptaron políticas para deter este problema. É o caso de Chile, que en 2017 estableceu o Comité Nacional para a Prevención e Redución de Perdas e Desperdicios de Alimentos.
Pola súa banda, Arxentina creou en 2015 un Programa para a Redución da Perda e o Desperdicio de Alimentos. Desde entón, máis de 80 institucións públicas e privadas uníronse para formar a Rede Nacional para a Redución da Perda e o Desperdicio de Alimentos. Dentro deste programa lanzouse unha campaña baixo o título "Valoremos os Alimentos", que proporciona recursos didácticos sobre como previr a perda e o desperdicio de alimentos.
Así mesmo, a rede nacional de bancos de alimentos de Brasil, Mesa Brasil SESC, entregou en 2017 comida que, doutro xeito tería acabado no lixo, a máis de 1,4 millóns de brasileiros a través de asociacións público-privadas en 500 municipios.
Adicionalmente, o Banco Interamericano de Desenvolvemento creou a campaña #SenDesperdicio, unha plataforma destinada a promover a innovación e mellorar a calidade das intervencións públicas sobre a perda e desperdicio de alimentos na rexión.
Fonte e imaxe: ONU
Saúdos, Departamento de Comunicación