- Esta porcentaxe sitúase 5 puntos por riba da media europea (19%).
- Así se recolle nunha nova edición da enquisa sobre o clima 2020-2021, difundida recentemente polo Banco Europeo de Investimentos (BEI).
- O 42% dos cidadáns considera que deixar de voar sería o máis fácil, mentres que o 33% confesa que renunciar ao coche sería a opción máis difícil.
Cerceda, a 15 de xaneiro de 2021.- Segundo unha nova edición da enquisa sobre o clima 2020-2021, difundida recentemente polo Banco Europeo de Investimentos (BEI), o 24% dos españois asegura estar a realizar cambios radicais no seu estilo de vida para combater o cambio climático, unha porcentaxe que se sitúa 5 puntos por riba da media europea (19%). Neste colectivo están especialmente representados os pais de menores de 18 anos.
As viaxes en avión, comer carne, comprar roupa nova ou as plataformas de vídeo en streaming son algunhas das cousas ás que os españois estarían dispostos a renunciar para combater a emerxencia climática. Así, o 42% considera que deixar de voar sería o máis fácil, mentres que o 33% confesa que renunciar ao coche sería a opción máis difícil.
Neste sentido, unha vez que se levanten as restricións relacionadas co coronavirus, o 35% evitará voar polas consecuencias que ten sobre o cambio climático e o 46% afirma que pasaría as súas vacacións en España ou nun país veciño para minimizar as emisións de carbono. Con todo, o 34 % dos españois declara que volverá a viaxar en avión como o facía antes da pandemia.
Cando se lles pregunta sobre a COVID-19 e o transporte público, o 74% dos cidadadáns indica que son menos proclives a usar o transporte público porque lles preocupa a súa saúde e un 68% revela que lle inquieta máis contraer esta enfermidade que os impactos a longo prazo do cambio climático.
O vicepresidente do BEI, Ambroise Fayolle, sinalou que tras a Covid xurdirá a oportunidade de “dar un salto cualitativo na transición cara a unha economía con baixas emisións de carbono e resiliente ao cambio climático”.
Fonte: BEI
Imaxe: Pexels