- Ao longo dos últimos 20 anos, as empresas que apostaron polo ecodeseño de envases en España implementaron máis de 48.000 medidas coas que propiciaron o aforro dun total de 528.700 toneladas de materias primas, evitando ao mesmo tempo a emisión de 1.430.500 toneladas de CO2.
- Unha das máximas do ecodeseño é atopar o envase do futuro, é dicir, aquel cuxo impacto ambiental sexa o mínimo e que poida obterse a partir de materias primas alternativas.
- Neste escenario, TheCircularLab, presentou o pasado ano o “plástico bio-bio”, un material que se obtén a partir de residuos vexetais e pódese usar na fabricación de envases para alimentación e bebidas, coa particularidade de que é compostable, reciclable e biodegradable na contorna mariña.
Cerceda, a 20 de novembro de 2019.- A redución da produción de residuos constitúe unha prioridade ambiental no contexto actual e o ecodeseño, é dicir, o deseño e produción de envases tendo en conta criterios de sostibilidade, pasou a constituír un instrumento básico para que as empresas poidan minimizar o impacto dos seus envases sobre a contorna e diminuír o consumo de materias primas durante o proceso de fabricación dos mesmos.
O pasado ano, e da man de Ecoembes, máis de 2.100 empresas implantaron un total de 3.653 medidas de ecodeseño que lles permitiron aforrar máis de 25.200 toneladas de materias primas durante o proceso de deseño de envases, fase na que se estima que se produce o 80% do seu impacto ambiental.
Dentro destas medidas de ecodeseño, 4 de cada 10 estaban encamiñadas a reducir o peso ou eliminar material dos envases conseguindo así minimizar a cantidade de plástico e outros materiais, evitar o consumo innecesario de materias primas e acadar envases máis sostibles.
Outras estratexias adoptadas orientáronse a favorecer a reutilización dos envases e a súa reciclaxe, adiantándose así á lexislación europea que marca que, en 2030, todos os envases de plástico deben ser reciclables e, en concreto as botellas plásticas, deben incorporar un 30% de material reciclado.
MÁIS PREVENCIÓN: MÁIS AFORRO
Desde 1999, e grazas ao ecodeseño, conseguiuse importantes reducións de peso en envases como as botellas de auga, que pesan un 18% menos, os envases de iogur (un 21% menos) e as latas de aluminio (un 20% menos). Este logro tradúcese nun menor uso de recursos naturais á hora de producilos.
Ao longo das dúas últimas décadas, as empresas que apostaron polo ecodeseño de envases en España implantaron máis de 48.000 medidas que van desde a eliminación de material innecesario ata a reincorporación de plástico reciclado. Todo isto permitiu que se aforren un total de 528.700 toneladas de materias primas e se evite a emisión de 1.430.500 toneladas de CO2.
Ademais de coidar o medio ambiente, o ecodeseño formúlase como unha ferramenta crucial nos programas de innovación das empresas, cada vez máis comprometidas coa necesidade de crear envases máis sostibles. Así, unha das máximas do ecodeseño é atopar o envase do futuro, isto é, aquel cuxo impacto ambiental sexa o mínimo e que se poida obter a partir de materias primas alternativas ao plástico.
Baixo esta premisa, TheCircularLab, o primeiro centro de innovación sobre economía circular de Europa, presentou o pasado ano o “plástico bio-bio”, un material fabricado a partir de residuos vexetais (como patacas ou cenorias) e que se pode usar na fabricación de envases como botellas ou bandexas para alimentación e bebidas. Así mesmo, é compostable, reciclable e biodegradable na contorna mariña.
Fonte e imaxe: Ecoembes
Saúdos, Departamento de Comunicación