- Así se recolle nun informe da División de Papel de BIR, a confederación mundial da reciclaxe, e que leva por título «A reciclaxe de papel e cartón en 2019: Visión xeral das estatísticas mundiais».
- Europa alcanzou unha taxa media de incorporación de fibras recuperadas de case o 55%.
Cerceda, a 3 de agosto de 2021.- Se ben a produción de fibra recuperada a nivel mundial caeu a menos de 244 millóns de toneladas en 2019, fronte ás algo máis de 250 millóns de toneladas de 2018, a produción mundial de papel e cartón con fibras recuperadas mantívose estable, con case 211 millóns de toneladas.
Así se recolle na publicación «A reciclaxe de papel e cartón en 2019: Visión xeral das estatísticas mundiais», a segunda edición da análise das estatísticas mundiais relacionadas coa industria da fibra recuperada realizada pola División de Papel de BIR, a confederación mundial da reciclaxe.
Este documento explora, non só a produción e o uso da fibra recuperada, senón tamén os principais fluxos comerciais internacionais, así como a información crave do mercado da pulpa e o papel e cartón.
Sobre a base dos datos recompilados coa axuda da Confederación Europea de Industrias da Reciclaxe (EuRIC), RISI e CEPI, os expertos da División de Papel de BIR tamén realizan unha serie de cálculos razoados para cuantificar o alcance da fibra reciclada como un compoñente ambientalmente beneficioso da produción mundial de papel e cartón.
Na introdución do informe, da que é autor Luc Petithuguenin, presidente da División de Papel de BIR e director xeral da empresa francesa Paprec, este indica que «o ano 2019 trouxo consigo un aumento da proporción de papel e cartón mundial que se fabricou con fibra recuperada: do 50,27% en 2018 ao 51,15% o ano seguinte»..
Asia produciu case a metade de todo o papel e o cartón que utiliza fibras recuperadas -entre outras cousas polo seu rol principal como produtor de cartón, mentres que Europa alcanzou unha taxa media de incorporación de fibras recuperadas de case o 55%.
Malia as súas restricións, cada vez máis estritas, á importación, China seguiu sendo o principal importador de fibra recuperada do mundo en 2019. Cabe destacar, con todo, que Europa enviou máis fibra recuperada á India en 2019 que a China, un feito que, segundo Petithuguenin, «ningún de nós tiña previsto fai só uns poucos anos»,.
Os datos de 2019 tamén subliñan importantes mercados emerxentes para a fibra recuperada, especialmente Vietnam, así como a continua e forte presenza doutros compradores máis establecidos en Asia, como India e Indonesia, engadiu Petithuguenin.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pexels