- Así se recolle nun novo informe da Federación Mundial de Industrias da Reciclaxe (BIR)
- Mentres que Asia incorporou máis do 71% de contido reciclado na súa produción de papel e cartón, Europa alcanzou unha media de máis do 56%, e EEUU/Canadá e América Latina, o 40% e 67% respectivamente
Cerceda, a 18 de outubro de 2022.- Tal e como se recolle nun novo informe da Federación Mundial de Industrias da Reciclaxe (BIR), de todo o papel e cartón producido no ano da pandemia (2020), o 52,2% utilizou fibras recuperadas, fronte ao 51,2% do ano anterior.
Na introdución do documento, o presidente da División de Papel de BIR, Francisco Donoso, da empresa española DOLAF, indica que “mesmo durante unha pandemia mundial, a industria do papel recuperado seguiu desempeñando o seu papel esencial na subministración de materia prima á industria mundial”.
Mentres que Asia incorporou máis do 71% de contido reciclado na súa produción de papel e cartón en 2020, Europa alcanzou unha media de máis do 56%. Pola súa banda, as cifras de Estados Unidos/Canadá e de América Latina foron, respectivamente, do 40% e do 67%.
En canto ao comercio internacional de papel recuperado, as estatísticas máis destacadas do informe inclúen unha nova caída das importacións de China, que pasaron de ao redor de 11 millóns de toneladas en 2019 a pouco máis de 7 millóns de toneladas ao ano seguinte, e das que máis da metade foron achegadas por Estados Unidos.
Despois de ser o mercado de ultramar preeminente para as exportacións de fibra recuperada de Europa durante moitos anos, China pasou a ocupar o quinto lugar en 2020, detrás de India, Indonesia, Turquía e Vietnam debido aos seus controis de importación máis estritos.
O informe sostén que sen o libre comercio internacional, o uso de papel recuperado «non alcanzará o seu pleno potencial» e a economía da reciclaxe deste material verase «seriamente comprometida».
Donoso sinala, en particular, a presión da Comisión Europea para limitar severamente as exportacións de fibra recuperada fóra da UE: «Sen a válvula de presión das exportacións internacionais para facer fronte aos grandes excedentes dentro de Europa, o futuro da industria do papel recuperado será realmente moi sombrío».
Fonte: BIR
Imaxe: Pexels