- Así se pon de relevo nun estudo independente encargado por Friends of Glas e FEVE, realizado en varios países europeos.
- O cambio cara ao vidro apréciase especialmente en artigos tales como o aceite (90%), as salsas (81%), a comida infantil (74%), as bebidas non alcohólicas (71%) e os lácteos (81%).
- 1 de cada 3 cidadáns considera que a fabricación do vidro é menos daniña para o medio ambiente e o 83% asegura separar os envases de vidro para reciclalos.
- O vidro é un material 100% reciclable e con múltiples vidas que non perde cualidades, aforrando enerxía e evitando emisións.
Cerceda, a 24 de abril de 2020.- Todo apunta a que a sensibilidade ambiental inflúe cada vez máis nos hábitos de compra. Un estudo independente encargado por Friends of Glass (plataforma europea de consumidores a favor do vidro e o seu reciclado) e FEVE (Federación Europea de Fabricantes de Envases de Vidro), e que se levou a cabo en varios países da Unión Europea, ademais de Reino Unido, Suiza e Turquía, revelou que 1 de cada 2 consumidores incrementou, nos últimos tres anos, o seu consumo de alimentos e bebidas en vidro, destacando como motivo principal a súa maior reciclabilidade con respecto a outros materiais de envasado.
O 75% dos enquisados afirma estar preocupado pola contaminación da contorna como consecuencia do abandono de envases na natureza, espcialmente os plásticos. O 57%declara comprar menos produtos fabricados con este material, cifra que aumenta ata o 62% no caso de España.
O cambio cara ao vidro apréciase especialmente en artigos tales como o aceite (90%), as salsas (81%), a comida infantil (74%), as bebidas non alcohólicas (71%) e os lácteos (81%). Así mesmo, obsérvase que aumenta a porcentaxe de persoas que recomendan o vidro como o mellor material de envasado, pasando do 82% en 2016 ao 91% en 2019.
No caso de España, o 73% dos cidadáns sinala ao cambio climático como a principal preocupación á hora de elixir o produto envasado. Así mesmo, 1 de cada 3 considera que a fabricación do vidro é menos daniña para o medio ambiente e o 54% compra máis produtos en vidro que fai tres anos. Pola súa banda, o 83% asegura separar os envases de vidro do resto de residuos no fogar para reciclalo.
O vidro é un material 100% reciclable e con múltiples vidas. Dun envase reciclado nace outro igual de reciclable, sen perder cualidades, aforrando enerxía e evitando emisións.
OBXECTIVOS AMBICIOSOS
A industria europea do envase de vidro traballa paralelamente en dous ambiciosos proxectos: por unha banda está a plataforma 'Close the Glass Loop' para alcanzar o 90% de recollida de vidro para o seu reciclado en 2030, moi por riba da meta marcada pola Comisión Europea; e por outro, a creación do “Forno do Futuro”, o primeiro forno híbrido que funcione cun 80% de enerxía renovable, posibilitando a redución das emisións de CO2 da industria nun 50%.
Fonte: FEVE
Imaxe: Pixabay