- Pola súa banda, o 64% cre que as políticas de loita contra o cambio climático son positivas para a economía
- Así se recolle na cuarta edición da enquisa do Banco Europeo de Investimentos (BEI) sobre o clima, coa que pretende realizar unha avaliación exhaustiva da percepción que os cidadáns teñen do cambio climático en 30 países
Cerceda, a 7 de abril de 2022.- O 64% dos españois considera que as políticas de loita contra o cambio climático son positivas para a economía e máis da metade cre que terán un impacto neto positivo nos niveis de emprego do país, xerando máis postos de traballo dos que destrúen. Pola súa banda, o 70% augura que a transición ecolóxica mellorará a súa calidade de vida.
Así se recolle na cuarta edición da enquisa do Banco Europeo de Investimentos (BEI) sobre o clima. Realizada en colaboración coa empresa de estudos de mercado BVA, esta edición ten como obxectivo contribuír a un debate máis amplo sobre as actitudes e expectativas dos cidadáns en materia de acción polo clima. Entre o 26 de agosto e o 22 de setembro de 2021, participaron na enquisa máis de 30.000 persoas, cunha mostra representativa de cada un dos 30 países consultados.
Segundo os españois, os retos relacionados co cambio climático chegaron para quedar. Se ben un terzo (30%) dos enquisados cre que a emerxencia climática estará controlada en 2050, o 67 % teme que continuará a ser un problema importante a mediados de século.
Ao preguntarlles polo impacto a longo prazo da crise climática, máis dun terzo dos españois (35 %) prevé ter que trasladarse a outra rexión ou país debido ao cambio climático. Esta preocupación é moito maior entre os de vinte anos, xa que o 61 % deles afirma estar preocupado pola posibilidade de ter que mudarse.
O 34 % pensa que en 20 anos a maioría das persoas xa non terán coche, e o 67 % que a maioría dos españois teletraballará para contribuír á loita contra o cambio climático. Por último, un terzo (35 %) estima que a maioría da xente adoptaría unha dieta baseada en vexetais e o 60 % predice que se asignará unha cota de enerxía a cada cidadán.
COMPARATIVA A NIVEL MUNDIAL
En xeral, os europeos están divididos en canto a se a transición ecolóxica será, ou non, unha fonte de crecemento económico. Máis da metade (56%) opina que será así, en liña coa percepción de estadounidenses e británicos (57%), mentres que os chineses son máis optimistas (67 %).
Con todo, a maioría dos europeos (61 %) confía en que a súa calidade de vida mellorará, cun impacto positivo na calidade da súa alimentación ou a súa saúde. Os europeos son máis pesimistas que os chineses (77 %), os estadounidenses (65 %) ou os británicos (63 %).
Fonte: BEI
Imaxe: Pixabay