- Así o indica un recente estudo do Instituto de Ciencia e Tecnoloxía Ambientais da Universitat Autònoma de Barcelona (ICTA-UAB), cuxos resultados foron publicados na revista Frontiers in Nutrition
- O deterioro dos alimentos é a principal causa do desperdicio, motivado principalmente por unha mala xestión que fai que se tiren pequenas cantidades de maneira frecuente, así como pola compra excesiva de artículos perecedoiros que terminan no lixo antes de ser consumidos
Cerceda, a 2 de agosto de 2024.- Segundo un recente estudo do Instituto de Ciencia e Tecnoloxía Ambientais da Universitat Autònoma de Barcelona (ICTA-UAB), cuxos resultados foron publicados na revista Frontiers in Nutrition, as familias con nenos pequenos e adolescentes son as que máis alimentos refugan, posiblemente debido á dificultade de satisfacer as súas necesidades alimentarias, así como de xestionar axeitadamente as cantidades e porcións de comida, mentres que as familias monoparentais e con fillos maiores, as que menos.
Os alimentos perecedoiros como as verduras (80 %), as froitas (78 %) e produtos a base de cereais (63 %), son os que máis se desperdician, seguido dos lácteos (25 %). Os produtos de orixe animal, como a carne, o peixe e os ovos, son os que menos, xunto cos precociñados.
O deterioro dos alimentos é a principal causa do desperdicio alimentario, motivado principalmente por unha mala xestión que fai que se tiren pequenas cantidades de maneira frecuente, así como pola compra excesiva de artigos perecedoiros que terminan no lixo antes de ser consumidos.
O perfil da persoa encargada de facer a compra é o dunha muller (no 70 % dos casos), menor de 54 anos (79 %), que traballa a tempo completo ou parcial (78 %) e que gasta unha media de 537 € mensuais en comida. A metade das familias acode a supermercados e hipermercados, e dous de cada tres fogares fan unha única compra principal á semana, complementada con pequenas compras.
Pola súa banda, o 66 % das familias declara consumir produtos frescos en casa a diario, mentres que practicamente todas consomen produtos de orixe animal máis de catro días á semana.
Planificación e control
Co obxectivo de reducir a cantidade de comida que acaba no lixo, os investigadores destacan a necesidade de planificar as compras e elaborar unha lista de alimentos antes de acudir ao mercado ou supermercado.
Os fogares que declaran comprar en tendas pequenas e mercados municipais, adoitan refugar menos comida que os que compran en supermercado ou hipermercado. Determinados tipos de envases, os descontos e o márketing persuasivo con ofertas tipo 3 x 2 dos grandes almacéns, inducen a consumir máis do necesario.
Para abordar esta problemática, os investigadores reclaman políticas públicas educativas dirixidas ás familias que avoguen pola redución do desperdicio, como campañas escolares de concienciación sobre o impacto social e ambiental, e o fomento de hábitos e dietas saudables baseadas en produtos locais e de tempada.
Outra política pública útil na loita contra o desperdicio alimentario sería incentivar a venda de produtos a granel, mentres que implementar a recollida separada de residuos orgánicos nas veciñanzas con altas porcentaxes de fogares con nenos, podería mellorar a xestión dos residuos e reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro.
Fonte e imaxe: ICTA-UAB