- Entre as razóns, aluden, por orde, ao impacto que supón a nivel económico, a unha cuestión ética e social, e ás consecuencias ambientais
Cerceda, a 18 de outubro de 2023.-Segundo a FAO, cada segundo tíranse no mundo máis de 79 toneladas de comida, é dicir, máis de 2.500 millóns de toneladas ao ano. En España, case 8 millóns de toneladas de alimentos anuais acaban no lixo.
Para avanzar no seu obxectivo de concienciación, a compañía “Too Good To Go” levou a cabo un estudo, xunto coa consultora social “21 gramos”, sobre a percepción que os cidadáns teñen respecto do desperdicio de alimentos. O resultado é que o 73% dos españois móstrase moi preocupado por esta problemática, aludindo a razóns tales como o impacto que supón a nivel económico, seguido por unha cuestión ética e social, e polo impacto ambiental. De feito, un 65% dos consumidores pensa nas consecuencias que ten para o planeta cando tira comida.
A directora de Too Good To Go en España, Marie Lindström, lembra que o desperdicio alimentario “É responsable de ata o 10% das emisións globais de gases de efecto invernadoiro. Ademais, cando se desperdicia un alimento estanse a tirar tamén os recursos empregados para a súa produción como a auga, a terra ou a enerxía. Por iso, cada comida que non se desperdicia marca a diferenza, porque non só se aforra diñeiro, senón que, ao mesmo tempo, estase coidando o planeta”.
Outro dos datos do estudo, é que ademais de estar preocupados, o 75% dos cidadáns asume que son os principais responsables do desperdicio alimentario, colocándose a si mesmos por diante do sector HORECA (72%) e as grandes superficies (71%).
En relación ás principais causas polas que se desperdicia comida, os consumidores destacan tres fundamentais: a forma de planificar e facer a compra; como se organizan e almacenan os alimentos na despensa ou na neveira, e, por último, a elaboración ou cociñado dos alimentos para aproveitalos ao máximo. Ademais, a estes motivos súmase o descoñecemento sobre a diferenza entre a data de caducidade dos produtos e a de consumo preferente.
Fonte: Compromiso RSE
Imaxe: Pexels