- A produción de lixo electrónico crece exponencialmente e prevese que o seu volume podería alcanzar no mundo os 74,7 millóns de toneladas de aquí a 2030.
- O aumento das taxas de consumo dos aparellos eléctricos e a denominada obsolescencia programada son algúns dos factores que teñen propiciado o aumento deste tipo de residuos.
- É por iso que cada vez máis compañías e particulares apostan por adquirir equipos reacondicionados.
Cerceda, a 21 de setembro de 2021.- O modelo lineal de usar e tirar xera cada ano unha inxente cantidade de residuos difícil de xestionar, entre os que se atopan os eléctricos e electrónicos.
Segundo a OMS, no mundo prodúcense anualmente preto de 50 millóns de toneladas de lixo electrónico, no que se poden atopar metais perigosos e contaminantes para o medio ambiente. É o caso do chumbo, o cadmio ou o mercurio.
Por se isto fose pouco, as previsións para os próximos anos, tal e como indica o Observatorio Mundial dos Residuos Electrónicos, non son alentadoras, xa que o volume deste tipo de refugallos podería alcanzar os 74,7 millóns de toneladas de aquí a 2030.
O exponencial aumento das taxas de consumo de aparellos eléctricos e a denominada obsolescencia programada son algúns dos factores que propiciaron este incremento do lixo electrónico. A vida útil dos produtos acurtouse substancialmente, utilizando para isto prácticas que reducen intencionadamente o tempo de funcionamento do produto e obrigan aos usuarios para consumir máis.
Con todo, nos últimos anos o reacondicionamento de equipos aumentou a súa popularidade e converteuse nunha alternativa para alongar a vida dos aparellos dixitais, reducir o lixo electrónico e, sobre todo, diminuír as emisións de gases de efecto invernadoiro.
Cada vez son máis as compañías e particulares que apostan por adquirir equipos reacondicionados. De feito, segundo unha recente enquisa do Eurobarómetro, o 77% dos cidadáns da UE preferiría arranxar os seus dispositivos no canto de substituílos e o 79% considera que debería esixirse legalmente aos fabricantes que faciliten esta reparación dos aparellos ou a substitución dos seus compoñentes.
“As multinacionais están a empezar a priorizar a calidade e a funcionalidade destes produtos, así como o seu menor custo e a súa contribución ambiental. A filosofía do reacondicionado, xa consolidada en países como Reino Unido ou Francia, está a abrirse paso tamén no noso país”, confirma Jaume López, cofundador e director de desenvolvemento de negocio de MercadoIT.
Trátase dunha opción que cada vez gaña máis adeptos, xa que atopan no reacondicionamento un aforro de custos e unha forma de contribuír á mellora do medio ambiente.
Fonte: Gestores de Residuos
Imaxe: Pexels