- Así se desprende dunha enquisa realizada por AIMC (Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación) sobre actitudes medioambientais.
- Un 84,1% considera que todo o mundo ten o deber de reciclar, e un 71% asegura que fai un esforzo intencionado para practicar a reciclaxe cada día.
- Non obstante, só un 62,6% se mostra disposto a mudar hábitos.
- Se ben a un 73,3% da poboación preocúpalle a contaminación dos coches, o certo é que este segue sendo o medio de transporte máis utilizado polos cidadáns.
Cerceda, a 20 de decembro de 2019.- No marco dunha enquisa realizada por AIMC (Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación) sobre hábitos e actitudes ambientais, despréndese que un 89,3% dos enquisados cre que todo o mundo debería ser responsable do coidado do medio ambiente. Defenden que hai que dar pasos de todo tipo, desde políticas educativas ata outras que implican á acción, como a reciclaxe doméstica.
Así mesmo, un 84,1% considera que todo o mundo ten o deber de reciclar, e un 71% asegura que fai un esforzo intencionado para practicar a reciclaxe cada día. Non obstante, e a pesar desta boa intención, aínda queda moito camiño por percorrer á hora de renunciar a determinados hábitos en favor dunha contorna máis sostible: mentres que un 62,6% móstrase disposto, un 37,4% non está disposto a cambiar hábitos en favor da contorna.
Neste sentido, cabe sinalar que un 90,3% da poboación afirma levar a súa propia bolsa cando vai comprar, e un 89,5% asegura reciclar ou separar os seus residuos con bastante frecuencia. O 83,7% reutiliza obxectos como botellas baleiras, envases, botes, sobres ou papel. Non obstante, só un 33% afirma que non compra algo porque ten moita embalaxe.
Así mesmo, un 75,3% afirma tomar medidas para reducir o consumo de enerxía e, se ben a un 73,3% lle preocupa a contaminación dos coches, este continúa a ser o medio de transporte máis utilizado polos cidadáns. Compartir vehículo para ir ao traballo (opción escollida só por un 27,7% da poboación) é unha das asignaturas pendentes dos españois en materia ecolóxica.
O coche é o medio de locomoción elixido en practicamente todos os ámbitos, a excepción do lecer, no que ocupa a segunda posición tras “ir a pé” (escollida por un 57,1%). Outros modos de mobilidade na cidade como o transporte público en metro tamén gaña puntos con respecto a outros anos, con máis dun 30% dos enquisados usándoo para o traballo ou o seu tempo libre.
Outros hábitos máis ecolóxicos que se atopan tamén entre as opcións de transporte preferidas no noso tempo libre é o uso da bicicleta, seleccionado por un 19,2% dos enquisados. En cambio, o tren ou o avión son medios de locomoción especialmente escollidos para as vacacións.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación