- Segundo Nacións Unidas, xéranse, de forma global, máis de 50 millóns de toneladas de refugallos electrónicos por ano, o equivalente a 62.000 millóns de dólares.
- Un informe recente da Real Sociedade Británica de Química sinala que un teléfono intelixente medio contén 30 elementos químicos diferentes, entre os que se atopan as “terras raras” coma o tántalo, o itrio, o galio, o indio, que poderían esgotarse en 100 anos.
- A Unión Europea introducirá o “dereito a reparar” a partir de 2021, e decretará que as xeadeiras, lavalouzas e lavadoras deben ser reparables ata 10 anos logo da súa compra, coa particularidade de que as pezas de reposto deberán ser fáciles de conseguir.
Cerceda, a 20 de febreiro de 2020.- A xeración de lixo electrónico crece a un ritmo vertixinoso, tres veces máis rápido que os residuos urbanos. Artigos tales como notebooks, teclados, cafeteiras, controis remotos, xeadeiras… son reciclables en case un 90% das súas partes, pero a porcentaxe real de reciclado continúa a ser moi baixa a nivel mundial.
Segundo Nacións Unidas, prodúcense, de forma global, máis de 50 millóns de toneladas de residuos electrónicos por ano, o equivalente a 62.000 millóns de dólares.
Un informe recente da Real Sociedade Británica de Química (British Royal Society of Chemistry, en inglés) sinala que un teléfono intelixente medio contén 30 elementos químicos diferentes, entre os que se atopan as “terras raras” como o tántalo, o itrio, o galio, o indio, que poderían esgotarse en 100 anos.
"Hai moitas preguntas abertas sobre como se pode conciliar a transición cara a unha economía libre de carbono e electrificada co dano ambiental causado pola extracción de materias primas”, explica Josh Lepawsky, investigador da Universidade Memorial de Terranova, en Canadá.
Existen algunhas propostas innovadoras para reducir a nosa pegada de lixo electrónico, que pasan precisamente por aplicar incentivos ambientais e económicos.
REPARAR E ALONGAR A VIDA ÚTIL
A Unión Europea xa tomou cartas no asunto e introducirá un “dereito a reparar” a partir de 2021, a través do que decretará que as xeadeiras, lavalouzas e lavadoras deben ser reparables ata 10 anos logo da súa compra, coa particularidade de que as pezas de reposto destes electrodomésticos deberán ser fáciles de conseguir.
Tamén están a emerxer alternativas ás principais marcas de teléfonos intelixentes e que contemplan o uso de materiais máis sostibles e o desenvolvemento de produtos cunha vida útil máis longa e máis fáciles de reparar.
Fonte: World Economic Forum
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación